Nuns días arrancará oficialmente a campaña multiplataforma En Negro Contra as Violencias, unha acción colectiva de sensibilización social ao respecto da violencia…de todas as violencias machistas exercidas contra das mulleres. O Concello de Moeche volve sumarse a esta proposta xunto con outros 101 municipios galegos e máis de 6.400 entidades colaboradoras, entre asociacións, institucións, empresas e comercios. O protocolo de participación asinarase este luns, marcando así o inicio do período en que se intensifican as accións no territorio, malia que a campaña -e o que significa- se mantén activa durante todo o ano. Calquera pode participar tinguindo o seu comercio, lugar de traballo ou as ventás da súa propia casa de negro. O Concello porá a disposición da veciñanza material da iniciativa, que tamén pode descargarse desde a súa web e poñerse ben á vista en perfís das redes sociais, onde se utilizará a etiqueta #EnNegroContraasViolencias
Os concellos adheridos a En Negro… non só se comprometen a darlle difusión ao material gráfico con distintas mensaxes, senón que tamén adquiren un compromiso político e técnico para espallar a acción e mobilizar a poboación e os axentes sociais e económicos para tinguir de negro as vilas e cidades galegas. Ademais dos 102 municipios integrados na iniciativa, tamén tres das catro deputacións galegas se sumaron xa a #EnNegroContraAsViolencias. Así, as deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra producirán material da campaña para os concellos participantes das súas respectivas provincias.
O 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar a poboación a respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.
A violencia machista é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres. Un tipo de violencia que sofren as mulleres polo feito mesmo de selo, unha desigualdade silenciada, agochada e en moitos casos normalizada pola sociedade que, ademais, tamén padecen directa ou indirectamente os fillos e fillas. Desde 2003 ata outubro de 2018, o Instituto da Muller rexistrou 58 asasinatos machistas en Galicia e 966 no Estado. Estes datos fannos considerar que esta dramática realidade require dunha resposta unánime e firme de toda a sociedade, que poña de manifesto o rexeitamento social de todas as formas de violencia contra as mulleres.
Por todo isto, nunha experiencia iniciada en 2016, máis de 90 concellos galegos uníronse nunha acción transmedia para incidir de xeito máis eficaz na sociedade, coa intención de cubrir de negro o mapa galego do 19 ao 25 de novembro. Así, os establecementos comerciais, institucións e cidadanía en xeral, vestirán de negro en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte.
O Concello de Moeche está ultimando a programación con motivo do 25-N, á que se lle une como marca visual o #EnNegroContraasViolencias. Ademais, desde a Administración local insístese en que os Servizos Sociais municipais ofrecen apoio e acompañamento en todo momento para facerlle fronte a unha situación de violencia machista, ben sexa física ou psicolóxica.
A violencia que sofre unha muller non adoita vir de súpeto, senón que se vai manifestando aos poucos e indo cada vez a máis. É importante saber ver eses pequenos sinais que, co tempo, van minando a nosa autoestima, cortando os nosos vínculos coa familia e as amizades ata illarnos socialmente. Decatarse de que se está vivindo nun clima de medo e violencia é o primeiro paso para poder saír del. Aí entra a axuda municipal, a que poidan prestar as persoas máis próximas e, sobre todo, a decisión de denunciar que debe tomar a propia vítima. Porén, cando xa se está nunha situación- é importante que as mullere se pode acudir directamente á Garda Civil ou chamar ao teléfono 016 a través do que se pode denunciar sen medo a que quede rastro na factura