Thursday 21 de November de 2024

Medio Rural pecha adminsitrativamente outras dúas parcelarias na provincia da Coruña


En Touro, a reestruturación de Foxás-Bendaña II chegou á fase de firmeza de acordo
A Consellería do Medio Rural vén de pechar o proceso administrativo doutras dúas parcelarias na provincia da Coruña e que obtiveron a firmeza de acordo. Isto implica que os novos predios, dos que xa viñan facendo uso os titulares, son definitivos de cara á entrega de títulos.

A primeira destas reorganizacións é a de Foxás-Bendaña II, no concello de Touro. Supuxo a transformación de 6.302 parcelas en 940 predios de 440 propietarios, grazas a un investimento de preto de dous millóns de euros. Reestruturáronse en total unhas 461 hectáreas, que se suman ás xa concentradas no concello. En total, Touro conta con 7.860 hectáreas reorganizadas ou en proceso, o que se traduce no 68% do municipio.

Cómpre destacar que esta parcelaria realizouse nun curto período de tempo xa que se executou baixo os preceptos da nova Lei de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia (Metaga) que permite axilizar moitísimo os trámites e acortar as fases destas reestruturacións territoriais. Así en só dous anos conseguiuse que o acordo aprobado deste proceso fose firme.

No sucedeu o mesmo coa concentración de San Vicente e Santa María de Vigo, e que afecta aos concellos de Carral e Cambre. Neste caso, iniciouse baixo a anterior normativa polo que o mesmo proceso tardou 13 anos en aprobarse. Hoxe xa é unha realidade. Tras un proceso de reorganización levado a cabo pola Consellería do Medio Rural, e cun orzamento de 1,5 millóns de euros, logrouse reducir o número de predios de 2.202 a 1.087. Neste caso son 599 hectáreas entre os dous municipios.

Estes avances enmárcanse no importante esforzo que está facendo a Consellería do Medio Rural por rematar procesos de reorganización abertos dende hai anos e, ademais, apostar por aquelas reestruturacións que de verdade teñan interese agrario para a contorna.