Visitaron as instalacións situadas a pé da N-550 acompañados da alcaldesa en funcións, Ana Soneira, e dos membros do Goberno local
Os contactos e conversas entre o Concello de Ordes e os empresarios locais continúan o seu curso. Esta mañá Ana Soneira, alcaldesa en funcións, e a práctica totalidade dos membros do Goberno local amosáronlle as instalacións do antigo Centro Comarcal tal e como acordaran na xuntanza mantida o pasado luns.
Daquela ofrecéraselles a opción de dispoñer “nas mellores condicións posibles” deste inmoble para instalar alí a sede oficial da futura nova asociación empresarial, a cal que se ampliaría a empresarios e empresarias do municipio con instalacións situadas fóra do parque de Merelle. A idea inicial é contribuír deste xeito á súa reactivación e rexurdimento para poder ter máis oportunidades no mercado e de cara a demandar apoios e axudas por parte das administracións.
O inmoble, situado na mesma entrada de Ordes a carón da N-550, consta de dous andares. O primeiro conta cun amplo espazo aberto, recepción, sala de formación, cafetería e cinco despachos. No segundo andar súmanselle outra zona de recepción, tres amplos despachos e una sala de reunións con gran iluminación natural. Un edificio “totalmente equipado e listo para entrar e empezar a traballar” tal e como se puntualizou.
Con todo isto dende o Concello quere potenciar e promocionar Ordes como lugar idóneo para a implantación de novas empresas “aproveitando a súa situación xeográfica estratéxica” ao estar unha distancia equidistante de dous puntos tan importantes como Santiago, capital de Galicia, e A Coruña. Un atractivo engadido son as excelentes redes de comunicación que están a pouca distancia e que inclúen aeroportos, autoestradas (AP9), autovías (A6), a estrada nacional N-550 ou os portos marítimos de Vigo e A Coruña.
Un plan de reactivación empresarial que pasa pola ampliación en máis de 200.000 metros cadrados do polígono industrial de Merelle e a construción da primeira fase no polígono de Pardiñas (459.000 metros cadrados). Unha aspiración que pasa pola aprobación do PXOM e que Martínez Sanjurjo confía en ter no 2021. De cumprirse este prazo a ampliación de Merelle podería ser unha realidade xa no 2024.
“Os primeiros”
“Queremos que sexades os primeiros en ter opción de poder dispoñer de parcelas nestas zonas e que ninguén de fóra vos veña a facer competencia”, puntualizouse na xuntanza de hoxe. Por todo isto dende o Concello de Ordes solicitouse novamente a colaboración e implicación do tecido empresarial e industrial da zona a través da demanda formal e por escritode solo industrial. Unha declaración de intencións que axudaría moito ao Concello a poder defender a implantación de novas áreas de terreo industrial no PXOM, xa que a día de hoxe Ordes carece deste tipo de solo de titularidade pública. Unha vez máis insistiuse en que dito compromiso non implicaría ningún compromiso legal para os asinantes.