Ao longo de máis dunha hora e media de charla, o escritor Xosé Neira Vilas ofreceu unha auténtica lección maxistral sobre a vida mesma ao preto dun centenar de persoas que –entre alumnos e profesores- se deron cita esta mañá no salón de actos do Centro Integrado de Formación Profesional de Coroso.
O autor do clásico literario “Memorias dun neno labrego” relatou as numerosas experiencias e vivencias que ten acumulado ao longo dos seus 86 anos de idade, poñendo énfase en que ten que ser un mesmo o responsable de construír a súa propia vida. Neste senso, Neira Vilas animou aos estudantes congregados a perseverar no estudo coa meta de ser os mellores profesionais posibles nas súas especialidades.
Tal foi o interese espertado que o acto se alongou máis do que estaba inicialmente previsto ante as moitas preguntas dos presentes. Finalmente, Neira Vilas prestouse a autografiar algúns dos seus libros e foi obsequiado por parte do centro cunha réplica dunha dorna tradicional.
Organizado dende a Concellería de Educación, o acto contou coa participación do alcalde Manuel Ruiz e do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; ademais de seren presentado polo director do centro de Coroso, José Antonio Rendo.
Santa Isabel
Logo da súa estancia no centro educativo, o escritor achegouse ao Auditorio para contemplar a exposición que alí se está a exhibir sobre o Santa Isabel, estando acompañado da concelleira de Educación, Maricarmen Vizcaya, e da responsable municipal de Normalización Lingüística, Alicia Padín.