Valora as medidas que vai adoptar o Goberno central: a activación da poxa de interrompibillidade e o pago do custo de compensación de emisións de CO2 previstas ambas para este mesmo ano
O presidente do Goberno galego acordou esta tarde co Goberno central unha posición común para pedir a Alcoa que retire o ERE extintivo que pretende levar a cabo e un paquete de medidas para dar un marco estable ao conxunto da industria electrointensiva.
Durante a reunión que o presidente da Xunta mantivo esta tarde en Madrid coas ministras de Industria e Transición Ecolóxica, Reyes Maroto e Teresa Ribera, respectivamente, co presidente do Principado de Asturias, Javier Fernández, co alcalde da Coruña Xulio Ferreiro, e coa alcaldesa de Avilés, Mariví Monteserín, acordou a constitución dunha mesa de traballo na que estean presentes o comité de empresa e a propia Alcoa, para avaliar o futuro das plantas de Galicia e Asturias.
Así como xa se fixera na reunión celebrada en outubro con representación do Goberno central, dos gobernos autonómicos e municipais, volveron instar a Alcoa a que retire o ERE extintivo e que se abra un proceso de negociación para encontrar alternativas a las plantas de Galicia e Asturias.
Ao fío disto engadiu a importancia das medidas propostas, tanto as de carácter inmediato como as estruturais. En concreto, valorou que o Goberno central aceptase desenvolver dúas accións de xeito inminente: a activación da poxa de interrompibillidade e o pago do custo de compensación de emisións de CO2 previstas ambas para este mesmo ano.
Así mesmo, o presidente da Xunta considerou fundamental que o Ministerio se comprometese a traballar para acadar un marco enerxético estable para o conxunto da industria electrointensiva, xa que iso terá importancia para a urxencia que supón a situación actual Alcoa pero tamén para toda a industria electrointensiva. “Hai miles de postos de traballo que dependen desta industria”, abundou, citando expresamente a planta que Alcoa ten tamén en Cervo.
Neste senso, Feijóo valorou a posición común adoptada por todas as administracións, xa que “é importante coincidir no diagnóstico e tamén no tratamento do problema”.
Para concluír, recordou que “estamos nunha contrarreloxo, toda vez que o ERE presentado por Alcoa comezou a finais de outubro”. Por isto, insistiu na necesidade de manter aberta unha interlocución ao máximo nivel para defender os intereses dos traballadores da Coruña e Avilés, que supoñen 700 postos de traballo.