Disque esta fin de semana volveremos ter tempo desapacible por mor dese tren de borrascas que nos está chegando pola vía do Atlántico. Andar por fóra igual non é moi recomendable, pero non pasa nada, hai oferta de lecer suficiente a cuberto: un obradoiro sobre árbores xenealóxicas organizado por ConcienciArte, o magosto da A.VV. Adiante de Igrexafeita, unha nova cita do Aldebarán-Intasa na Superliga e, ademais, tamén temos este venres a penúltima sesión do Outono agroecolóxico organizado polo Concello e a asociación A Cortiña.
Seguindo a orde cronolóxica, o primeiro evento que atopamos é precisamente o que terá lugar na Casa da Xuventude mañá ás 18.30h. dentro do Outono agroecolóxico. A Cortiña convidou á Asociación Galega de Custodia do Territorio, un ente de ámbito galego constituído en Rábade hai unha década que promove a conservación e recuperación do patrimonio natural sen renunciar ao aproveitamento do medio, senón máis ben impulsando a xestión sustentable dos recursos.
O sábado será cando se concentre o resto da oferta de ocio da que temos constancia. A partir das 17.00h., a Asociación ConcienciArte propónnos un obradoiro ben interesante no que aprederemos a recopilar e levar ao papel a nosa árbore xenealóxica.
Ademais do estudo das distintas liñas dos nosos ancestros, o taller -dirixido por Mariola Fernández- tamén servirá para interpretar episodios das súas vidas que, se cadra, marcan hoxe a nosa propia personalidade.
É importante traer xa recopilados nomes, datas de nacemento e defunción, así como aqueles sucesos de todo tipo -mortes prematuras, guerras, fillos fóra do matrimonio, abandonos, etc.- dos que teñamos constancia. Tamén é importante que eses datos se remonten polo menos tres xeneracións (avós e avoas). Apuntan no 669 705 905. As persoas socias poden participar de balde, mentres que as non socias deberán pagar 5€. A sesión desenvolverase na antiga escola de Silvalonga.
Na tarde do sábado tamén volve ao pavillón a Superliga Masculina de volei. Imos xa pola quinta xornada da liga regular e o Aldebarán-Intasa San Sadurniño recibirá a partir das 19.30h. ao CV Melilla coa intención de volver remontar na táboa tras os dous últimos pinchazos fronte ao Vecindario e o Teruel. Será vital o factor bancada que, unido á estratexia, é o grande aliado da escuadra azul para facerse forte na súa cancha. Por iso desde o clube anímase a encher o municipal, ao tempo que se mantén aberta a campaña de captación de socios e socias.
E mentres se disputa o partido de volei, en Igrexafeita comezará a tradicional celebración do magosto. O programa organizado pola Asociación veciñal Adiante arrancará ás 20.00h. coa actuación do Mago Deimi, todo un experto en ilusionismo clásico ao que el lle engade números de produción propia e moitísimo humor.
Cando remate o mago, a entidade servirá castañas asadas, sopa de cabaza, liscos e pan. O prezo para persoas socias son 2€ e 4€ para quen non forme parte da asociación. Para gozar da cea fai falla inscrición previa. O prazo remata hoxe xoves á noitiña e para apuntarse cómpre chamar aos teléfonos 696 912 975 ou 626 839 398.