As entidades de San Sadurniño que solicitaron subvencións para actividade cultural teñen ata fin de mes para presentar toda a documentación xustificativa da programación desenvolvidasasí como dos gastos efectuados para levala a cabo. Un trámite que se deberá facer no rexistro municipal utilizando os impresos normalizados -dispoñibles en sansadurnino.gal- e achegando a documentación esixida nas bases, sobre todo as facturas oficiais e tamén os recibos das transferencias bancarias ou dos ingresos en conta no caso daquelas que superen os 100 euros. Aínda que o prazo finaliza o 30 de novembro, as asociacións poden solicitar unha prórroga que, no caso de concederse, sería por un mes máis. Os clubes deportivos teñen aínda até o 30 de decembro para presentar as súas xustificacións.
O procedemento de xustificación das axudas unificouse desde este ano tanto en Cultura como en Deporte. Así, as asociacións e clubes terán que presentar facturas oficiais que sumen o total da cantidade concedida máis o 20% do importe total que se solicitou como axuda. É dicir, se unha entidade presentou un programa valorado en 10.000 euros e recibe unha subvención de 1.000, terá que xustificar un total de 3.000 euros (os 1.000 concedidos e 2.000 máis correspondentes ao 20% de 10.000 euros). Existe a posibilidade de presentar como gastos en equipamento e infraestrutura ata un 25% do total subvencionado.
Débese de ter en conta, ademais, a obriga de ter efectuado a través do banco os pagamentos superiores a 100 euros, xa sexa por transferencia ou por ingreso. Os recibos bancarios correspondentes deberán xuntarse ás facturas no momento de presentar a documentación xustificativa da subvención. Outra novidade é que, ademais dos gastos de mantenza, tampouco se aceptarán como xustificación os gastos de transporte.
As entidades culturais teñen de prazo para presentar a documentación xustificativa ata o día 30 de novembro, aínda que poden solicitar unha prórroga debidamente fundamentada -por ter programación aínda en decembro, por exemplo- que se concedería por un mes máis. Esta mesma opción tamén a teñen os clubes deportivos, aínda que para eles o prazo de xustificación finalice o 30 de decembro.
O Concello destina un total de 21.619€ ás liñas de axuda e Cultura e Deportes en concorrencia competitiva, ás que cómpre sumarlles outros 3.000 euros destinados a comisións de festas -máximo de 300 euros para cada solicitante- e tamén os importes dos convenios nominativos co Aldebarán de volei, o CF San Sadurniño, Biela e Chaveta, a AGFA do Eume, a asociación agroecolóxica A Cortiña, a Casa do Mel e a ANPA do CPI, por un montante global de 38.200 euros. Deste xeito, en 2018 o importe de axudas e convenios con entidades ascende a 62.820€.