Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente comeza os traballos para a eliminación de cinco puntos de vertido incontrolado no concello de Oza-Cesuras


As actuacións, cun custo inicial de máis de 32.000 euros, enmárcanse dentro dun programa continuado da Xunta para erradicar este tipo de focos de contaminación

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda iniciou hoxe os traballos para a eliminación de cinco puntos de vertido incontrolado (PVI) no Concello de Oza-Cesuras (A Coruña) cun custo estimado en algo máis de 32.000 euros. Esta nova actuación forma parte dunha campaña continuada da Xunta para identificar e erradicar estes focos, nos que se van acumulando residuos sólidos de distinta natureza co prexuízo que ocasiona para a contorna desde un punto de vista ambiental e estético.

No caso da actuación que vén de iniciarse en Oza-Cesuras, os puntos sobre os que se está a intervir localízanse nos lugares Bandoxa, Patarelo, Fonte de Parada e Montelongo. Os traballos consistirán na recollida, clasificación e retirada do material acumulado nestas zonas e que, a primeira vista e sen prexuízo do que se poida atopar conforme avance a actuación, consiste en residuos procedentes da construción e a demolición, plásticos, pneumáticos fóra de uso, voluminosos, residuos de aparellos eléctricos e electrónicos e restos de poda.

Así mesmo, tamén se traballará na revexetación dos solos mediante o estendido de terra vexetal e hidrosementeira.

Coa limpeza dos puntos de vertido incontrolado perséguese minimizar e corrixir os impactos e a degradación ambiental orixinados por este tipo de acúmulos, logrando a integración do lugar coa súa contorna e eliminando o hábito entre a poboación de seguir depositando lixo nestes lugares.

Correcta xestión dos residuos
Este tipo de actuacións por parte da Xunta forman parte dunha estratexia global continuada para lograr unha correcta xestión dos residuos mediante a súa reciclaxe e tratamento, na que tamén se inclúen outro tipo de instalacións, como son os puntos limpos.

O obxectivo común destes programas é axudar e facilitar aos concellos o cumprimento das súas responsabilidades en materia de xestión dos residuos urbanos, unha competencia municipal, e permitir aos cidadáns realizar unha correcta xestión dos mesmos, segundo o establecido na xerarquía europea de residuos (prevención, reciclaxe ou valorización material, valorización enerxética e eliminación).

Con este fin, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de anunciar que nas contas do vindeiro exercicio establecerase unha partida de 1,5 millóns de euros para continuar co esforzo de eliminar puntos de vertido incontrolado e recuperar os espazos naturais degradados, especialmente aqueles que se atopan en zonas protexidas dentro da Rede Natura.