Friday 22 de November de 2024

O 10 de novembro presentamos a Xornalistas Galegas, asociación que nace para promover un xornalismo con perspectiva de xénero


 

A catedrática de comunicación e xornalista Margarita Ledo e a teórica feminista Rosa Cobo acompañan a Xornalistas Galegas na súa presentación pública

O acto de presentación da asociación contará cunha mesa de expertas, voces autorizadas en distintos eidos profesionais, que falarán da necesidade dun xornalismo con perspectiva feminista

A asociación Xornalistas Galegas, formada por mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación: xornalistas, fotoxornalistas, comunicadoras, formadoras, investigadoras, técnicas audiovisuais e demais produtoras de información, nace co obxectivo de impulsar a produción dun xornalismo con perspectiva feminista que se reflicta tanto na información que xeramos como nas condicións nas que a elaboramos.

Xornalistas Galegas preséntase publicamente este sábado 10 de novembro nun acto no que contaremos coa presenza da xornalista Margarita Ledo e a teórica feminista e escritora Rosa Cobo, dúas figuras que representan os piares nos que se basea este novo colectivo, avanzar na consecución dun xornalismo con perspectiva feminista cun claro obxectivo: acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria, na que se vexan erradicados os estereotipos de xénero.

A presentación pública de Xornalistas Galegas terá lugar no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Compostela o vindeiro 10 de novembro ás 11h, sendo o acceso libre.

Margarita Ledo, é xornalista, escritora, cineasta e axitadora cultural feminista. Hoxe catedrática de comunicación audiovisual e publicidade da USC, Ledo foi unha das impulsoras da creación da Facultade de Ciencias da Comunicación en Compostela e a súa primeira decana. Ideou e dirixiu o semanario A Nosa Terra, é membro da RAG e a primeira muller en recibir o premio Otero Pedrayo. Sen dúbida unha pioneira no mundo do xornalismo que dará a benvida a este colectivo dende a súa experiencia persoal e académica.

Rosa Cobo, destacada teórica feminista, profesora de Socioloxía de xénero na Universidade da Coruña e directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da mesma universidade, na que dirixiu tamén o Máster sobre Xénero e Políticas de Igualdade. Cobo, quen imparte cursos e conferencias sobre socioloxía de xénero e teoría feminista en España e en distintos países de América Latina, acompañará o sábado á asociación na súa presentación pública.

A continuación, integrantes do colectivo debullarán as liñas de traballo e os obxectivos nos que se centrará a asociación nos próximos meses. No acto detallaranse os propósitos que perseguen as iniciativas do colectivo Xornalistas Galegas, e as actuacións levadas a cabo ata o momento.

Unha mesa redonda de mulleres destacadas na súa profesión responderán á pregunta: Por que é necesario un xornalismo con perspectiva feminista? Moderado pola xornalista Antía Díaz, o panel de expertas estará formado por:
● Paz Filgueira: xuíza titular do xulgado especializado en violencia de xénero de Vigo ata hai dous meses, actualmente no Xulgado de Familia número 12 da mesma cidade.
● Joana Magalhães: investigadora no Instituto de Investigación Biomédica da UDC, participa en proxectos de comunicación de ciencia dende a perspectiva de xénero.
● Alba Nogueira: doutora en Dereito, é profesora titular da USC en Dereito Administrativo e investigadora principal do grupo ARMELA da Universidade de Santiago, a Rede de investigación en Igualdade, Dereitos e Estado Social.
● Silvia Pérez Freire: socióloga e investigadora especializada en violencia de xénero e docente na Universidade de Vigo, coordinou o equipo de servizos sociais dirixido á poboación en prostitución da Asociación Feminista Alecrín.
● María Xosé Porteiro: licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, xornalista e escritora, conta cunha longa traxectoria profesional no eido da comunicación e pertence á Comisión de Comunicación do Consello da Cultura Galega.
● Elena Roca: licenciada en Ciencias da actividade física e o deporte, é a primeira xogadora internacional galega de rugby. Campiona de Europa, terceira no Seis Naciones e tres veces mundialista, e feminista.

Para rematar daremos paso ao debate no que todas as persoas asistentes están convidadas a participar.