Será un dos puntos de interese da ruta de sendeirismo de Carreira
O Concello de Riveira está a proceder nestes momentos á restauración dun antigo lavadoiro situado no lugar de Vixán, na parroquia de Carreira.
Trátase dun elemento en bo estado de conservación, pero que estaba semisoterrado e invadido pola maleza. Con esta actuación se pretende seguir poñendo en valor o patrimonio tradicional do municipio. Concretamente, a zona onde se sitúa o lavadoiro de Vixán está sendo desbrozada e limpada e colocarase sobre a estrutura un teito de madeira integrado no entorno que ao mesmo tempo a protexa das inclemencias do tempo.
Demanda veciñal
A execución destes traballos responden tamén a unha demanda veciñal, xa que acude moita xente ante a gran calidade das súas augas. Incluso, turistas que se achegan nos veráns tanto de Carreira como das parroquias veciñas de Aguiño e Castiñeiras.
A idea é que este lavadoiro sexa un dos puntos de interese polos que transite a ruta de sendeirismo circular que se está acabando de crear en Carreira, a segunda deste tipo de iniciativas que se vai poñer en marcha (o ano pasado inaugurouse a de Corrubedo) e que está a servir pare recuperar moitas paraxes e elementos que caeran no esquecemento. De feito, esta ruta de Carreira descorrerá tamén por camiños que non eran transitados polos veciños dende hai polo menos tres décadas e que tamén foron desbrozados e recuperados.