O Concello de Lousame informa de que ata o 21 de novembro estará aberto o prazo para a entrega de documentación para optar ás bonificacións do 95% da cota íntegra do Imposto de Bens Inmobles (IBI) naquelas edificacións onde se desenvolvan exclusivamente actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario. Unhas bonificacións aprobadas en novembro do ano pasado porque “consideramos que é un sector estratéxico para o noso territorio e porque Lousame é un concello plenamente rural”, indica a alcaldesa Teresa Villaverde.
Os veciños e veciñas interesados/as en optar a esta bonificación deberán presentar no Concello de Lousame o certificado de Facenda no que conste a súa situación censual, acreditación da titularidade catastral do inmoble, certificado de non ter débedas coa Seguridade Social nin con Facenda (estatal, autonómica e local) e xustificante do recoñecemento de explotación ou licenza de actividade. O prazo de presentación desta documentación remata o 21 de novembro de 2018.
Teresa Villaverde lembra que esta bonificación, unidas á rebaixa dos tipos catastrais, “son as únicas que pode asumir o Concello, dentro das súas competencias legais, para paliar os efectos que a Regularización Catastral poidan ter sobre as familias de Lousame”. Así mesmo, fixo fincapé en que é o veciño/a quen ten que solicitar a bonificación, xa que a Lei non lle permite ao Concello outorgarlla directamente de oficio.