Saturday 16 de November de 2024

Malestar no Concello de San Sadurniño ante a suspensión por parte da Xunta do servizo de recollida de plásticos agrícolas


 

A xestión dos plásticos vellos dos silos, dos invernadoiros e de plantacións a ras do chan é un dos problemas ambientais aos que se enfronta o agro. As cifras indican que en Galicia se xeran arredor de 7.700 toneladas anuais destes refugallos, das que 6.800 proveñen dos silos mentres que as 900 restantes se corresponden con hortas e invernadoiros. A Xunta facilitaba ata agora o seu tratamento conveniando cos municipios a retirada de partidas que os concellos -entre eles San Sadurniño- se encargaban de recoller previamente polas explotacións de forma gratuíta. Porén, segundo parece, a Administración autonómica ten intención de non continuar con este programa de recollida e tratamento e, ademais, a empresa que facía o traballo xa comunicou que non vai seguir prestando o servizo, o que obriga ao Concello a interromper “polo momento” a recollida domiciliaria destes residuos. Tanto a FRUGA como o Concello demandan que a consellería reconsidere a súa postura e que o contrato se volva licitar o antes posible, acompañándoo dunha campaña de concienciación que consiga incrementar o volume de plástico recollido.

Segundo a FRUGA, o último contrato de servizo entre a Consellería de Medio Ambiente e a empresa de reciclaxe encargada de recoller o plástico agrícola data de novembro de 2017. Até ese momento as persoas que querían desfacerse destes materiais podían depositalos o máis limpos posible e debidamente atados no lugar concertado previamente co Concello, que os recollía dúas veces no ano e os xuntaba na nave do servizo de Obras para que os recollese alí a empresa xestora.

A última remesa enviouse para tratar no mes de agosto e, recentemente, a empresa comunicou “de forma imprevista” que deixaba de prestar o servizo posto que “a Xunta ía abandonar o programa de recollida”, explica a titular da área de Servizos, Amparo Calvo. A concelleira lamenta tamén que, a día de hoxe, “aínda non houbo información oficial por parte da Xunta sobre esta cuestión”.

Desde o goberno local e desde a propia federación sinálase que o servizo “era a mellor maneira de proceder para garantir que os plásticos agrícolas non acabaran estrados pola paisaxe ou queimados de forma incontrolada, o que xeraría en ambos casos un grande impacto ambiental”. Estímase que os plásticos agrícolas, sobre todo os polietilenos de alta densidade que se usan nos silos, poden tardar en descompoñerse ata 150 anos. Ademais, a súa combustión libera dioxinas e metais pesados.

Por este motivo e ante “este grave problema medioambiental, ecolóxico e social”, tanto o Concello como a FRUGA reclámanlle á Xunta de Galicia “o inmediato restablecemento” do Programa de Recollida de Plásticos Agrícolas. Tamén se pide a realización de campañas de concienciación “para conseguir acrecentar o volume de plástico recollido”. Tal e como informa a federación -manexando datos da propia Consellería de Medio Ambiente-, “o ano en que máis se recolleu foi o 2010 con 4.000 toneladas”. Unha cantidade que, segundo FRUGA, “só supón o 50% do total de plástico” que se xera nas explotacións galegas.

Mentres non se produce un pronunciamento oficial por parte da Xunta, o Concello xa lles comunicou por carta ás explotacións cun maior volume de plásticos que a decisión da Xunta “obriga polo momento” a ter que paralizar tamén o servizo de recollida que estaba prestando a Administración local. Na carta tamén se critica que a “decisión unilateral” vaia en contra das necesidades do sector, “xa que non se dá outra solución para un problema que seguirá existindo”.