Friday 22 de November de 2024

O Centro Comercial Aberto do Graxal podería ser unha realidade nuns meses


Tivo lugar a primeira reunión entre os comerciantes e empresarios do Graxal para constituírse nun centro comercial aberto (CCA), un proxecto de desenvolvemento dunha zona do Tempero que, debido ás circunstancias actuais de crise económica, competencia das grandes superficies, formulará unha revitalización de forma coordinada e apoiada en diversos ámbitos e institucións. Neste caso, están convocados á reunión desta tarde no Graxal máis dun centenar de negocios e entidades que configuran o tecido económico da zona. O concello de Cambre e a Asociación de Empresarios de Cambre (AEC) convocaron esta cita para explicar o proxecto aos interesados e contará coa presenza de José Ángel Blanco, xerente do CCA Compostela Monumental, un destes centros abertos de maior éxito en Galicia. Os centros comerciais abertos deseñan unha estratexia comercial común para os empresarios da zona, dirixida a incrementar a atracción da demanda, crear sinerxías entre os negocios, reforzar a competitividade e profesionalización das empresas asociadas, etc. Mesmo este tipo de proxectos funcionan cunha imaxe común, que difunden en campañas, na súa web común ou a do propio concello. É de grande importancia destacar que os comercios que se inclúan no proxecto non perderán nunca a súa capacidade de autoxestión.
Para mellorar a promoción dos seus negocios e produtos levan a cabo propostas concretas que entenden que melloran a súa proxección empresarial como por exemplo plans de señalacióncomercial, medidas urbanísticas que melloren o tránsito polos seus negocios, animacións e campañas estratéxicas ou, por exemplo, o estudo de estacionamentos con facilidades para usuarios e posibles clientes. É común nestas iniciativas que estean compostos por unha oferta moi variada de comercios, tendas de moda, ocio, restauración e servizos. Hoxe sacaranse as conclusións do proxecto que levan a cabo tanto concello como Asociación de Empresarios.