Ata o día 14 de novembro ás 12.00h. pode solicitarse a inscrición no curso de elaboración de conservas programado polo Concello en colaboración coa AGFA do Eume. Esta acción formativa está dividida en tres apartados con distintos días e horarios para cada un deles: a produción de zume de mazá, a conservación de produtos da horta e a elaboración de marmeladas e outras exquisiteces feitas con froita. Impartirase no local social de Lamas desde o sábado 17 de novembro e a docente será Paula Patiño, responsable da firma Acastrexa. O prezo son 25€ para persoas empadroadas en San Sadurniño e 40€ para a xente de fóra do municipio. Para apuntarse é necesario pasar polo Concello ou chamar ao 981 490 027. Iso si, para que a actividade saia adiante fará falla xuntar entre 15 e 25 participantes.
A área de Desenvolvemento local e máis a Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume buscan con esta iniciativa continuar promocionando a transformación alimentaria -orientada ao autoconsumo ou aos mercados de proximidade- como fórmula para un mellor aproveitamento dos froitos da terra e incluso como maneira de tirarlle maior partido económico.
A primeira das actividades propostas comezará o sábado 17 de novembro tratando a elaboración de zume de mazá. Os contidos teóricos e prácticos abordarán as técnicas de produción e conservación, a pasteurización e envasado, as medidas hixiénicas e o xeito en que inciden na preservación das características de textura, aparencia e sabor e, por último, tamén se falará dos mercados e vías de comercialización dun produto distinto da sidra que ten un grande potencial. O obradoiro durará 6 horas, entre as 8.30 e as 14.30h.
A seguinte acción ocuparase de descubrir tamén as posibilidades das conservas da horta. Nese caso desenvolverase en dous días: o sábado 24 de novembro de 9.30 a 13.30h. e o venres 30 de 16.00 a 20.00h. (8 horas en total). De novo incidirase na importancia da hixiene para o éxito da conservación e como exemplo dun proceso válido para practicamente todas as hortalizas e verduras tomarase a elaboración de conservas de tomates enteiros, troceados, en puré, en salsa, fritidos ou como saborosa marmelada.
O último obradoiro da serie recordará os métodos de produción de conservas de froita, atendendo igual que no caso da horta a distintas posibilidades: froita enteira, froita en anacos, compotas e marmeladas. Como materia prima empregaranse mazás autóctonas da horta de conservación Carlos Fornos, xestionada pola AGFA, comentando ademais que variedades son máis axeitadas dependendo do tipo de elaboración. Este curso, de 8 horas en total, estará repartido entre o sábado 12 e o sábado 19 de xaneiro, con horario os dous días de 9.30 a 13.30h.
As inscricións no curso completo hai que facelas no Concello ou chamando ao 981 490 027 ata o 14 de novembro ás 12.00h. As prazas iranse cubrindo por orde de petición ata completar un máximo de 25 participantes. Terán prioridade aquelas persoas empadroadas en San Sadurniño, para quen a matrícula será de 25€. Para o resto o prezo está fixado en 40€.
O listado de persoas admitidas publicarase na web municipal, aínda que tamén se lles comunicará individualmente para que confirmen a inscrición efectuando o pagamento na conta bancaria do Concello.