Friday 22 de November de 2024

Poñentes de primeiro nivel estarán presentes nas xornadas de emprego organizadas no marco de Talentia 2018


Os vindeiros 13 e 14 de novembro o Palacio de Congresos acolle o espazo aberto polo emprego Talentia 2018, ao abeiro do cal se organizan unhas xornadas que levan por nome Oportunidades para o talento e a creación do emprego nas economías locais. A concelleira de Emprego, Marta Lois, deu conta destas xornadas, acompañada polo técnico responsable da área, Xavier Ferreiro.

A economía local ten que ter como obxectivo un desenvolvemento inclusivo e xerador de emprego. Por iso, tal e como indicou Marta Lois, “o obxectivo destas xornadas será coñecer as claves do mercado laboral, ampliar os coñecementos sobre as actuais demandas das empresas e traballar as ferramentas e competencias requiridas para a inserción laboral. Trataríase de abrir camiños para impulsar a empregabilidade dende as economías locais na Era do Talento”.

Nas xornadas participarán poñentes de primeiro nivel como Francisco Ramos, director executivo das estratexias de fomento da ocupación da entidade Barcelona Activa; o profesor e economista especializado no mercado laboral, Manuel Lago; o director de Fomento do Concello de Donosti, Euken Sesé, ou a directora xeral da Fundación Príncipe de Girona, Mónica Margarit.

Mesas redondas
Xa o mércores é o tempo das mesas redondas. A partir das 11 da mañá celebrarase a mesa “Transformación das culturas corporativas e prácticas innovadoras na xestión das persoas e o talento”, na que participarán a responsable de comunicación corporativa de Tecalis (empresa de desenvolvemento de software), o director de proxectos de Imatia Innovación, o director responsable de Recursos Humanos do Grupo Hotusa e a CEO de Galchimia.

Xa a partir das 12:15 terá lugar a mesa “Oportunidades para o talento nas economías locais”, coa participación de Ramón Suárez, representando a Asociación Europea Mentoring AMCES-EMCC; Margarita Ardao, da Área de Centros da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e Rogelio Conde-Pumpido, director da área de xestión e valorización de I+D da Universidade de Santiago de Compostela.

Inscricións abertas
Dende o pasado mércores ás 19:00 horas están abertas as inscricións para Talentia 2018, incluíndo todas as actividades que se levarán a cabo, así como para participar nas xornadas. A inscrición é de balde e poderase facer en www.talentia.gal, onde se actualizarán case a tempo real as inscricións e se poderá consultar o número de empresas inscritas.

En Talentia 2018 xestionaranse máis de 200 postos de traballo, téndose pechado xa 59 postos nas semanas previas ao evento. Haberá 23 mentores persoais e realizaranse 367 probas de certificacións.