Máis dun cento de persoas arrouparon a Guillermo González Raviña na presentación do seu novo libro: “Modesto Paz Camps: su vida artística y bohemia, sus exposiciones, su museo y la catalogación de su obra”
A sala municipal de exposicións de Brión acolle ata o vindeiro 16 de novembro unha mostra de 26 cadros do pintor Modesto Paz Camps relacionados co municipio, co Val da Maía e con Compostela e a súa contorna. Así o explicou o profesor Guillermo González Raviña durante a presentación oficial do seu novo libro: “Modesto Paz Camps: su vida artística y bohemia, sus exposiciones, su museo y la catalogación de su obra”.
Un acto celebrado na noite do mércores e ao que asistiron máis dun cento de persoas, entre as que se atopaban familiares do pintor e numerosas persoas chegadas de Ames, Teo, Padrón e Vedra, principalmente. O escritor teense foi introducido polo alcalde de Brión, José Luís García, quen lle agradeceu “que escollera esta sala municipal de exposición de Brión para a presentación oficial deste libro, o segundo que publica sobre Paz Camps e só catro anos despois do primeiro. Algo que pode resultar sorprendente pero, como el mesmo recoñeceu, ese primeiro traballo non lle enchera porque só fora quen de catalogar 100 cadros. Este novo libro cataloga ata 598”.
Exposición
Durante algo máis dunha hora, Guillermo González fixo unha presentación da vida e obra do pintor Modesto Paz Camps (Ortigueira 1933-Teo 2015), de quen dixo que “coñeciamos a súa marabillosa colección de 90 preciosos óleos mostrada no Museo de Verda. Pero había máis, porque Modesto tiña 300 cadros na casa que non lle ensinaba a ninguén e non eran coñecidos pola crítica, algúns deles presentes hoxe en Brión”.
Así, Guillermo González explicou que nas paredes da sala de exposicións brionesa hai varios lenzos relacionados con Brión, entre os que destaca “Leiteira da Mahía”, “unha leiteira perfectamente integrada no ambiente brumoso do país”. Canda esta obra figura un dos tres cadros que o autor lle dedicou á igrexa de Bastavales, así como a súa curiosa proposta para a creación dun emblema para o Val da Maía, que aúna as Torres de Altamira, Ponte Maceira e o río Sar.
Canda estas obras, todos os que se acheguen ata o 16 de novembro pola sala municipal de exposicións de Brión poderán contemplar unha selección de obras relacionadas cos municipios da contorna de Compostela: o adro de Ponte Maceira, a casa reitoral de Trasmonte, unha vista de Portomouro (Val do Dubra), unha casa rural en Leroño (Rois), o río de Santa Lucía (Teo) ou San Pedro de Vilanova (Vedra), así como varios lenzos do casco vello compostelán. Así mesmo, tamén poderán ver a obra máis famosa deste pintor: “La creación de las rías”.
Libro
“Modesto Paz Camps: su vida artística y bohemia, sus exposiciones, su museo y la catalogación de su obra” consta de 525 páxinas ilustradas con 1.120 fotografías do pintor xunto aos seus cadros ou da súa vida bohemia, da súa familia ou das súas amizadas. O libro cataloga 598 cadros e é froito “dun longo proceso de máis de 2 anos investigando sobre as súas pinturas, a maior parte delas descoñecidas para a crítica e afeccionados”, explicou Guillermo González Raviña.