Os clientes que participen entrarán no sorteo dunha cea para dúas persoas e dun circuíto termal para dúas persoas
O Concello de Frades organiza esta fin de semana a primeira edición do seu concurso de tapas, denominado “De tapas por Frades”, e no que participarán seis locais do municipio. Un concurso que terá lugar aproveitando a ponte da Inmaculada, é dicir, o sábado 6, o domingo 7 e o luns 8 de decembro.
Os locais participantes son: café-bar “O noso mesón”, hostal-restaurante “O Cadaval”, raxería “Al Alba”, café-bar “O Taxista”, adega “A Coviña” e café-bar “Vilariño”. Durante eses tres días, estes seis locais ofrecerán de xeito gratuíto aos seus clientes unha tapa con cada consumición, podendo elixir entre apostar por unha única tapa para eses tres días ou por unha tapa diferente cada día.
Coa consumición, o cliente recibirá un boleto de votación, que deberá selar en cando menos 4 dos locais para que o seu voto sexa considerado válido. Os votos poderán depositarse nunhas urnas situadas en cada un dos locais participantes. O reconto dos votos terá lugar o mércores 10 de decembro na casa consistorial de Frades.
Premios
Os clientes que tomen parte no concurso “De tapas por Frades” participarán no sorteo dunha cena para dúas persoas nun restaurante de Frades e dun circuíto termal para dúas persoas. Pola súa banda, os locais participantes competirán por un primeiro premio de 300 euros e placa conmemorativa; así como por un segundo premio de 150 euros.