Friday 22 de November de 2024

Brión acolle hoxe venres o IV Festival de Outono, que incluirá un concerto da ESMU Magariños e a presentación dunha canción e un videoclip elaborado polo IES de Brión


 

O salón de actos do centro social polivalente de Brión acollerá hoxe venres 2 de novembro, ás 20:00 horas, o IV Festival de Outono. Un acto que incluirá un concerto a cargo do alumnado da Escola Municipal de Música Magariños e a presentación do videoclip e a canción orixinal “Mais eu non son eu”, elaborados polo alumnado do obradoiro de cine do IES de Brión. A entrada é libre e de balde.

Medio cento de alumnos e alumnas da ESMU Magariños interpretarán unha selección de pezas clásicas para instrumentos de vento e percusión, “moi apropiados para este tempo de outono e que é un xeito de personalizar os concertos de ofrecemos”, explica Carlos Pintor, director da escola.

No medio do concerto terá lugar a presentación dun traballo elaborado polo alumnado do obradoiro de cine “IesdeBrioncine”, no que un grupo de alumnos e alumnas do instituto brionés crearon unha canción, titulada “Mais eu non son eu”, e gravaron un videoclip que será estreado este venres no marco do IV Festival de Outono. Trátase do resultado de moitas horas de ilusión e traballo de Eirena Souto, Roi Penabade, Sara Molinos, Saleta Lorenzo, Lorena Diéguez, Daniel Blanco, Daniel Souto, Inés López, Carlos Domínguez, Saúl Fernández e Ana Cadenas, coa axuda de Ricardo Horta, Mohamed Konawa, Hugo Pereira e Carlos Ruíz.

O IV Festival de Outono está organizado polo Concello de Brión, en colaboración coa Escola Municipal de Música Magariños, a Deputación da Coruña e a Consellería de Cultura e Turismo.