Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Noia aumenta en 52.500 euros as achegas aos clubs deportivos para promover a marca do Portus Apostoli


 

Unanimidade na aprobación de melloras para o polideportivo de Bergondo e garantir a subrogación do persoal do Servizo de Axuda no Fogar na futura licitación do servizo

 

O Concello de Noia aumentará en 52.500 euros as achegas aos clubs deportivos do municipio a cambio de que promocionen nas súas equipacións, actividades ou competicións a marca do Portus Apostoli e o 850 aniversario do nacemento da vila. Unha medida aprobada na sesión plenaria cos votos a favor do PP e NOIA e as abstencións de PSOE, Marea Cidadá e BNG.

Este incremento suporá que os principais clubs deportivos do municipio verán incrementadas as súas achegas nun 20%, coa excepción do Noia Fútbol Sala, que recibirá 10.000 euros adicionais por militar na 2ª División Nacional, polo que poderá promocionar Noia e o Portus Apostoli nos seus desprazamentos por toda España. Os equipos minoritarios verán aumentadas as súas achegas en 1.500 euros. No acordo con cada club especificarase a fórmula de promoción turística escollida.

O alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, explicou que esta medida “pretende reforzar as contías que reciben as entidades deportivas de Noia e que dean a coñecer o Portus Apostoli e o 850 aniversario nos seus desprazamentos e nos actos que desenvolvan”. O concelleiro de Cultura, José Pérez, fixo fincapé en que “o Portus Apostoli é unha marca que xa forma parte de todos os veciños de Noia” e amosou o seu agradecemento ao seu creador: Suso Xogaina, “que cedeu esta marca, rexistrada xa a nome do Concello e gratuitamente”.

Os tres voceiros da oposición amosaron o seu apoio ao incremento das achegas económicas aos clubs deportivos, criticando que a medida se tome en outubro e non a principios do ano no que se celebraba o 850 aniversario. O alcalde noiés explicou que “a temporada deportiva 2018-2019 comezou en setembro” e que “o Portus Apostoli ten que promocionarse nas vindeiras anualidades, ata que se consiga a homologación do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia, do que onte mesmo tivemos unha xuntanza os 9 concellos promotores”.

Ao inicio da sesión, Juan Ramón González Oviedo prometeu o seu cargo de concelleiro polo grupo municipal do Partido Popular, en substitución de Saturnino Balderrábano Mayo, que deixou o seu posto no pleno de setembro por razóns de saúde.

En Negro e SAF

Na quenda de mocións, a Marea de Noia retirou a súa proposta de adhesión á campaña “En negro contra as violencias”, logo de que a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Villar, confirmara esta mesma semana a adhesión do Concello de Noia á campaña, que se denominará “Noia en negro”. Así mesmo, aprobouse por unanimidade unha moción conxunta da Marea de Noia, BNG e PSdeG sobre o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a raíz da intervención realizada polas traballadoras deste servizo na sesión plenaria de setembro.

O voceiro da Marea, Manuel Seijas, exerceu de portavoz dos tres grupos e pediu “o compromiso da corporación de que as traballadoras terán garantido o seu posto de traballo” nunha futura licitación do servizo, pedindo tamén que “ata a licitación, as novas horas se adxudiquen á empresa que actualmente presta este servizo”. O alcalde de Noia dixo que estaba “totalmente de acordo” coa moción e explicou que “así se lles explicou na reunión mantida coas traballadoras”. Santiago Freire asegurou que “o servizo que se está prestando é satisfactorio para os usuarios e a atención das profesionais é satisfactoria”, anunciando que na futura licitación “teranse en conta criterios sociais”.

Polideportivo de Bergondo

O punto máis polémico da noite, a pesar de que foi aprobado por unanimidade por parte de todos os grupos municipais, foi a moción da Marea Cidadá de Noia sobre o polideportivo de Bergondo, que dá servizo tanto ao alumnado do CEIP Felipe de Castro como á cidadanía de Noia. O texto final, tras un receso para acordar unha nova redacción a proposta da Interventora Municipal, indica que a corporación municipal acorda habilitar o crédito suficiente, con cargo ao Remanente de Tesourería, para as distintas melloras precisas no polideportivo, mellorar o seu pavimento, resolver os problemas de filtración de augas e garantír a súa limpeza diaria. O alcalde noiés confirmou que estes dous últimos puntos xa estaban resoltos desta mesma semana.

No debate da moción, Manuel Seijas cualificou que “galpón” e “polideportivo por fascículos” o polideportivo de Bergondo, criticando que “se fixo á lixeira e cun orzamento demasiado baixo”. Seijas considera que “as deficiencias son moitas, demasiadas para unha obra de nova creación”, que concretou en que entra auga por debaixo das portas, falta de rotulación das saídas de emerxencia, falta de limpeza nos vestiarios, ter unha pista de cemento pulido e carecer de rampla para o acceso de persoas con minusvalías físicas, pedindo tamén o acolchado das columnas.

A voceira do BNG, Irati García, amosouse “de acordo con todos os puntos da moción da Marea” e pediu que “se tomen as medidas pertinentes”. Pola súa banda, o voceiro do PSOE, Miguel Paz, centrou a súa crítica na “falta de accesibilidade para nenos con mobilidade reducida”, acusando ao Goberno municipal de “falta de sensibilidade”.

O voceiro do NOIA, José Pérez, aproveitou a súa intervención para “pedir desculpas aos rapaces por todas as deficiencias, que se van solucionar” pero lembrou que “todos os aquí presentes tivemos acceso ao proxecto e o aprobamos. E ninguén dixo entón se o piso era de formigón ou onde estaban os vestiarios”. Neste sentido, Pérez instou aos presentes a “non nos perdamos en discusión e solucionemos as cousas. O importante é que imos desfrutar de algo que levabamos esperando 40 anos e que podemos ir mellorando ano a ano”.

Finalmente, Santiago Freire recoñeceu que “hai aspectos nos que hai que mellorar e outros nos que pedir desculpas por non cubrir as expectativas”, se ben salientou que “en 40 anos se fixeron 2 pavillóns, en 2 anos fixemos un”. O alcalde explicou que “o prudente tería sido non entregar as chaves ata que todo estivera listo” e acusou aos grupos da oposición de “tentar confundir. Houbo quen dixo que non se podía facer e agora que está feito toca desacreditalo e crear unha situación de dramatismo. Estou seguro de que cando se remate o Casino ou o Museo do Mar tamén lle buscarán problemas”.

Freire Abeijón lembrou que “a obra está executada e é unha realidade. E vostedes sabían que é unha actuación que se podería mellorar e completar”, recordando, por exemplo, que a creación do almacén foi aprobado pola corporación municipal nun expediente de modificación de crédito. Así confirmou que “xa se está colocando a canaleta para que a auga non poida entrar por debaixo do portal”, que xa se están limpando as instalacións e que xa se están a facer pequenas melloras na instalación.

Así mesmo, repasou as eivas denunciadas polos grupos da oposición, pedindo rigorosidade nas críticas. “A plataforma de formigón pulido é a que estaba prevista no proxecto que viron todos vostedes”, recordou o alcalde noiés, “é unha soleira sobre a que se poden facer melloras, como acaban de ver no Agustín Mourís”. Ademais desmentiu que se rompera un cristal da instalación por estar colocado detrás da portería: “o cristal non rompeu dun balonazo, que hai redes, rompeu dunha pedrada dende o exterior nunha acción vandálica. Sexamos rigorosos”.

Freire Abeijón amosouse convencido de que “cando se inaugure o polideportivo, ao mellor comproban como algunha das súas intervencións de hoxe foi esaxerada. Terán a oportunidade de ver como a instalación se mellora. Doulles a razón en que hai que intensificar a limpeza e considero que o de alcolchar as columnas é unha boa proposta”.

Accesibilidade

Sobre as críticas á accesibilidade das instalacións, Freire lembrou que onte martes visitou o lugar a conselleira de Educación, Carmen Pomar, quen confirmou a construción dunha pasarela de acceso entre o centro e o polideportivo. “A unidade técnica da Consellería está valorando os costes, que a conselleira se comprometeu a asumir”, indicou Freire, que se preguntou “que adiantamos en gañar un ou dous meses cargando ao Concello eses 90.000 ou 100.000 euros cando o prudente é conseguir como conseguimos eses fondos para solventar o problema?”. Así mesmo, lembrou que “os nenos e nenas con mobilidade reducida poden acceder por outra porta”.