Naraío celebra o seu concorrido magosto e Samaín
Chegou o tempo do Samaín, o momento en que o Alén abre a súa porta para deixar que os espíritos volvan andar, alomenos uns intres, por aqueles lugares que frecuentaron de vivos. A tradición cultural vén de antigo, aínda que a festa sexa cousa recente, e en lugares coma Naraío tentan recuperala ao seu xeito botando man do imaxinario colectivo relacionado coa morte. A asociación veciñal da parroquia celebrará o seu magosto e Samaín este sábado. Empezarán ás 18.00h. cun obradoiro de caracterización da Santa Compaña e coa exposición de cabazas que logo, a partir das 20.00h., irán deixándose polos camiños nunha concorrida Procesión das Ánimas que cada ano xunta máis participantes. A noite finalizará con castañas, papas e queimada, ademais dunha repichoca popular. Xunto con esta cita ineludible tamén cómpre lembrar que mañá, día de Todos os Santos, ConcienciArte nos convida a un vermú musical no seu local de Silvalonga e que o próximo grande magosto do que temos constancia se celebrará o sábado 10 en Igrexafeita.
O 1º de novembro é día de Tódolos Santos, momento que a tradición cristiá dedica ás almas que lograron superar o trance do Purgatorio, mentres que o 2 de novembro Defuntos- se reserva para aquelas de pasamento máis recente que aínda se debaten entre ceo e inferno. Disque estas honras son en realidade a asimilación de ritos de conexión co Alén anteriores ao propio Cristianismo, pero que foron adaptados por este á súa propia liturxia.
Na raíz estaría o Samhain ou celebración do cambio de estación que, tamén disque, compartían na antigüidade os pobos atlánticos desde a península até as illas británicas. Hoxe o Samhain -o Samaín- e os magostos, que si resistiron todos os embates culturais alleos, cobran nova forza pagando a peaxe de sucumbir á moda mediática e comercial do “halloween” importando da outra ribeira do mar.
Desde os anos 90 en que a festa se empezou a recuperar en Cedeira separada da versión relixiosa -da man do profesor e investigador Rafael López Loureiro-, o Samaín debátese entre buscar a súa esencia sen dispor referentes históricos claros ou entregarse á iconografía e escenografía estadounidense. E polo momento é esta segunda a que triunfa, a pesar das tentativas de moitas entidades por facer valer unha terceira vía que se sume ao espectáculo, aínda que poñendo en valor todo o patrimonio inmaterial autóctono relacionado coa morte e a celebración do cambio de tempo na natureza.
Melóns e cabazas nas corredoiras, a Santa Compaña, as meigas cartuxeiras e vedoiras, as visións, a protección que nos dan as castañas…son todos elementos da cultura popular que en Naraío levan tempo reivindicando ata o punto de que a celebración do magosto e do Samaín na parroquia é xa un referente en toda a volta. A Asociación veciñal O Castelo vestiu esta tradición nos últimos anos con varias propostas, entre a que destaca a Procesión das Ánimas que percorrerá os rueiros do Eirexado e Correlo na noitiña do sábado 3 de novembro a iso das 20.00h.
De novo será un itinerario teatralizado con axuda do Aturuxo de Melpómene e de todas aquelas persoas que se queiran sumar a unha ruta cargada de sorpresas, todas elas relacionadas coas tradicións da noite en que o Alén abre as súas portas. Ademais, a partir das 18.00h. o local social da Veiga acollerá un obradoiro de maquillaxe para público familiar onde unha profesional dará indicacións para caracterizarse como unha auténtica ánima en pena.
Cando remate a volta serviranse castañas acompañadas con papas de millo e de melón e abrirá o tempo para unha repichoca popular que finalizará con queimada.
Sesión Vermú de ConcienciArte
O Samaín en Naraío será o sábado. Pero mañá mesmo, festivo do 1 de novembro, a Asociación cultural ConcienciArte convídanos a unha sesión vermú moi especial no seu local, situado na antiga escola de Silvalonga.
A partir das 13.30h. actuará The Nineties Rock The Machine facendo covers de rock dos anos 90, seguidos de Beloucinha Express co seu estilo a medio camiño entre o punk e o blues do rural. Haberá tapas e bebidas a prezos populares.
Dentro dunha semana, magosto en Igrexafeita
Outra entidade que tamén mantén viva a celebración do magosto na súa vertente de escusa para a xuntanza veciñal é a Asociación Adiante de Igrexafeita. Será o sábado 10 de novembro a partir das 20.00h. no local social da Torre.
O evento comezará coa actuación do Mago Deimi, que ofrecerá un espectáculo cheo de sorprendentes números clásicos e outros de produción propia. Cando remate o pase do ilusionista, a entidade servirá castañas asadas, sopa de cabaza, liscos e pan. O prezo para persoas socias son 2€ e 4€ para quen non forme parte da asociación.
É necesario inscribirse antes do 8 de novembro chamando aos teléfonos 696 912 975 ou 626 839 398.