Por un importe total de arredor de 14.000 € o Concello de Ordes está a acometer as obras de arranxo da rúa Mirón, no centro da vila, así como a construción dun novo aparcadoiro na igrexa de Parada.
Deste xeito, por un lado, está a acondicionar unha das parcelas situadas a carón da igrexa parroquial e do cemiterio anexo. A idea principal é a de crear unha zona de aparcamento para vehículos, espazo polivalente do que o público tamén poderá dispoñer en actos, celebracións ou naqueles eventos sempre que sexa necesario.
A área engloba unha superficie de algo máis de 450 metros cadrados, nos que se están a levar a cabo tarefas de roza e limpeza, retirada de terra, desmonte para a súa nivelación ata acadar as cotas das vías lindeiras, acondicionamento da explanada co fin de aplicar correctamente a capa de acabado, execución de estendido e compactación da capa de grixo artificial, plantación de árbores de distintas especies (buxos, camelias, olmos, cipreses e loureiros) e a dotación de mobiliario (bancos de madeira con elementos de ferro fundido). Con isto quérese minorar o impacto que esta intervención poida supoñer para a zona e os elementos arquitectónicos protexidos, dotando á veciñanza dun novo espazo esteticamente atractivo e agradable.
De cara a un futuro próximo o Concello de Ordes ten prevista a rehabilitación dunha edificación situada no mesmo lugar para poder darlle uso relacionado coa igrexa e o cemiterio lindeiro.
Por outra banda dende o consistorio tamén se está a proceder coas obras de arranxo da rúa Mirón. Unha intervención na que xa se leva traballado dende hai varios día e que inclúe o picado e demolición de arredor de 170 metros cadrados de pavimento, colocación de cinco arquetas de pluviais a pé das vivendas e doutros 3 sumidoiros conectados a estas, así como a nivelación do terreo e posterior vertido de formigón.