Friday 22 de November de 2024

O pobo de Ordes dedícalle a Manuel Lois García o Día de todos os santos


 

Como é costume os actos conmemorativos terán lugar a partir das 12 horas no cemiterio do Piñeiro e neles participará o Terzo Norte de Ferrol

Como cada 1 de novembro, Día de todos os santos, o Concello de Ordes renderalle unha especial e emotiva homenaxe a o seu fillo predilecto Manuel Lois García, coñecido por todos e todas como ‘Soldado Lois’.

Os actos conmemorativos terán lugar no cemiterio do Piñeiro a partir das 12 horas. Coincidindo co Día de todos os santos alí se celebrará unha misa na que o Terzo Norte da Infantería da Mariña de Ferrol e a súa banda de música terán un papel relevante. Englobado nos actos litúrxicos non faltará a ofrenda floral ante a tumba-mausoleo na que repousan os restos mortais de Manuel Lois. Na súa memoria tamén soará o himno da Armada Española ‘Salve Marinera’, así como varias ráfagas de salvas de honor.

José Luis Martínez Sanjurjo e Juan Ruesta Botella, alcalde de Ordes e coronel comandante do Tercio Norte respectivamente, presidirán este acto ao que sempre se suman centos de veciños e veciñas. Contarase tamén cunha amplísima representación da corporación municipal e representantes de todos os sectores da sociedade ordense.

Historia do Soldado Lois
Nado no municipio de Ordes en maio de 1912, Manuel Lois García ingresa no Grupo das Forzas de Infantería da Mariña en Ferrol. Ese mesmo ano pasa a servir no cruceiro Baleares, asignándoselle como posto de combate o de telefonista do canón 4.

Será a comezos do mes de setembro de 1937 cando navegando por costas alxerianas avisten unha formación cun importante cargamento de material de guerra con destino Cartaxena e Alacante, composta por 4 vapores, 2 cruceiros e 7 destrutores. O Baleares decide atacar, recibindo un impacto que provoca que un cascote penetre na parte alta da caixa de urxencia que contén proxectís iluminadores, esbourando un deles. Como consecuencia prodúcese unha acumulación de gases no seu interior, o que supón un elevado risco tanto para a embarcación como para a súa dotación. Ante esta situación o alférez de navío D. Miguel Pardo de Donlebun solicita un voluntario para abrir a dita caixa, sendo o ‘Soldado Lois’ o primeiro en asumir o requirimento. Nada máis facelo unha enorme labarada envolveuno completamente quedando todo o seu corpo abrasado. As crónicas narran que “coas súas mans agarrou o proxectil. Os seus músculos, que non lle obedecen por estar totalmente carbonizados, fan que caia ao chan. Aínda así co seu peito empurrou o proxectil, o cal rodou pola cuberta ata caer ao mar, pasando así o perigo”.

Ese mesmo día Manuel Lois García falecía na enfermería do buque mentres o comandante lle impoñía a Medalla Naval, título oficialmente confirmado o 27 de novembro dese mesmo ano. Posteriormente, en maio de 1939, foille concedida a Cruz Laureada de San Fernando. Ademais da súa tumba-monumento o ‘Soldado Lois’ dispón dun monumento no centro da vila, concretamente na Alameda de Ordes.