Friday 22 de November de 2024

O Goberno municipal ofrece máis de 700 prazas en campamentos infantís durante este Nadal


A iniciativa inclúe ademais accións dirixidas a adultos e a toda a familia sumando un total de 50 grupos e 600 horas de actividades e 17 festas infantís

O responsable da área de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, informou sobre a campaña vacacional que desenvolve a Concellaría entre o 15 de decembro e o 5 de xaneiro con campamentos para menores con idades comprendidas entre os 4 e os 14 anos e actividades para a poboación infantil e adulta nos equipamentos de Servizos Sociais.
“A oferta inclúe actividades relacionadas coas festividades do Nadal, talleres de cociña para nenos e adultos, cociña de festa para persoas con intolerancia a diferentes alimentos, talleres de manualidades e decoración do Nadal para nenos e adultos e talleres de maquillaxe e coidado persoal para maiores de 16 anos. Tamén se realizarán nos centros cívicos e veciñais, festas de Nadal e Reis para nenos e os seus familiares,” explicou o concelleiro, quen engadiu: “Serán, en total, 50 grupos de actividades cunha duración de 600 horas en conxunto e 17 festas infantís de Reis e Nadal”.
Miguel Lorenzo explicou que a oferta se complementa cos campamentos urbanos de Nadal que se desenvolverán nos centros cívicos de Artesanos, Castrillón, Eirís, Elviña, Feáns, Labañou, Os Mallos, Os Rosales, Mesoiro, Monelos, Monte Alto, Novoboandanza, Palavea, San Diego, Santa Lucía, Pescadores, San Pedro de Vismae Santa Margarida, incluídos dentro da oferta infantil de campamentos que realiza a Concellaría en períodos vacacionais. Nesta convocatoria ofértanse un total de 525 prazas e, a maiores, tamén se contemplan prazas para que os menores con necesidades educativas especiais que necesiten un monitor de apoio poidan participar nas actividades grupales.
“Temos dous obxectivos fundamentais: o primeiro, ofrecer unha alternativa lúdica e socioeducativa para nenas e nenos durante as vacacións de Nadal; e o segundo, conciliar a vida familiar e laboral das familias coruñesas”, quen recordou que en verán se ofreceron outras 2.650 prazas en tres modalidades de campamentos.
A cantidade achegada pola Concellaría de Servizos Sociais -engadiu- completarase coa cota de 12 euros que aboan os participantes. Pero, ademais, a Concellaría resérvase o 20% das prazas para persoas beneficiarias de programas sociais; é dicir que ofrecemos 135 prazas gratuítas para menores con menos recursos”.
A temática deste ano xira en torno ao Nadal noutros lugares e culturas do mundo, gozando de actividades que lles permitan celebrar e compartir tempo de ocio con independencia das crenzas relixiosas ou a procedencia xeográfica. “Miraremos cara a outras culturas e coñeceremos os ritos, as músicas, os preparativos, as decoracións e os costumes doutros países e culturas como Italia, Suecia, México ou Noruega”, explicou o concelleiro, quen recordou que nos campamentos se dedicará unha hora diaria á práctica da lingua inglesa, centrándose especialmente na expresión oral e comprensión verbal. “Outro dos compromisos da área de Servizos Sociais é o de diminuír o impacto que factores económicos sociais e familiares poidan ter na formación dos mozos na aprendizaxe deste idioma”, destacou.
Os campamentos celebraranse os días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro e 2 e 5 de xaneiro, en horario de 10.00 a 13.30 horas. Os interesados teñen que realizar a preinscrición os días 4 e 5 de decembro, en horario de 11.00 a 13.30 horas e de 16.30 a 20.00 horas, en todos os centros cívicos nos que se realice o campamento. O sorteo de prazas realizarase este venres ás 20.05 horas en cada centro e o 12 publicaranse as listas de admitidos nos centros cívicos, o teléfono de información municipal 010 e a web municipal (www.serviciossociales.coruna.es). A inscrición realizarase os días 15 e 16 de decembro.
Estas prazas súmanse ás 200 que ofrece a Concellaría de Cultura no Fórum Metropolitano e a Ágora e este ano toman como título o ciclo de artes escénicas Ilusiooóh!n, fusionando distintas disciplinas artísticas como o teatro, o circo ou a maxia.