Friday 22 de November de 2024

O CEIP Felipe de Castro beneficiarase en 2019 dunha rehabilitación integral valorada en medio millón de euros


 

A conselleira de Educación e o delegado provincial da Xunta visitaron esta mañá o colexio xunto ao alcalde de Noia

O CEIP Felipe de Castro, de Noia, beneficiarase o vindeiro ano dunha importante obra de rehabilitación integral enerxética e funcional. Así o confirmou esta mañá a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, nunha visita ao centro, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; o alcalde de Noia, Santiago Freire, e as concelleiras de Ensino, Ángela Neri; e Parques e Xardíns, Mariola López.

O proxecto, que está concretándose, incluirá a substitución de cubertas e carpinterías e actuacións en fachadas e luminarias, entre outras. O investimento estímase en medio millón de euros. O obxectivo das obras será dotar as instalacións do CEIP dunha maior confortabilidade para os usuarios e aforrar nos custes enerxéticos.

Melloras no centro

Esta obra súmase ao novo pavillón deportivo anexo ao centro, no que o Concello de Noia e a Consellería investiron case 306.000 euros, dos que uns 150.000 foron achegados polo departamento autonómico. O alcalde, Santiago Freire, explica que “é unha importante obra que se pon á disposición da veciñanza e na que seguiremos traballando para mellorar as instalacións”.

Neste sentido, Freire Abeijón sinalou que “agradecemos o compromiso da conselleira para acometer unha pasarela entre o colexio e o polideportivo sen barreiras arquitectónicas”, anticipando que a vindeira semana técnicos da Xunta visitarán o centro educativo para coñecer as condicións da zona e determinar o xeito óptimo de acometer as reformas necesarias.

A conselleira destacou que os investimentos de Educación neste CEIP nos últimos anos ascenden a 580.000 euros, contía que se eleva a 1,22 millóns de euros se se computan o conxunto dos centros educativos de Noia. Carmen Pomar, que mantivo encontros con docentes e alumnado para abordar as demandas da comunidade educativa, resaltou tamén os proxectos educativos innovadores que se desenvolven no Felipe de Castro. O centro participa no programa Plambe (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares) e este curso incorpórase ao proxecto E-dixgal, de libro dixital, para 5º de educación primaria.