Friday 22 de November de 2024

O Goberno local de San Sadurniño demanda que se cubran “permanentemente” as prazas de persoal médico do Centro de Saúde


 

A falla de persoal médico no Centro de Saúde de San Sadurniño está sendo unha constante nos últimos meses. A baixa médica dun dos titulares até a súa xubilación foi suplida con contratos temporais de curta duración que, tal e como se denunciou no pleno en varias ocasións, ían en contra da calidade dun servizo que require certa estabilidade laboral para garantir unha relación de confianza entre as persoas usuarias e quen ten a encomenda de coidar da súa saúde. Malia que a praza vacante está cuberta, segundo parece os problemas continúan. Varias veciñas e veciños denunciaron que neste momento non hai quen substitúa á nova facultativa, en situación de baixa laboral desde hai máis de quince días. Neste sentido, o Concello acaba de enviarlle un escrito á Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol demandando que as prazas do persoal “estean permanentemente cubertas”.

O Centro de Saúde de San Sadurniño conta con dous médicos de cabeceira, que dan servizo a todas as persoas do municipio. Un deses facultativos xubilouse o pasado mes de xaneiro, polo que a súa praza quedou vacante. O posto foi cuberto durante estes últimos meses cunha nova doutora. Pero durante os seus permisos ou en situacións de incapacidade non se estaría a reforzar o servizo. Deste xeito, segundo indicaron algunhas persoas usuarias, o posto está sen ocupar desde hai uns 15 días por mor dunha baixa laboral.

O Concello denuncia que nesta situación, “os pacientes adscritos á praza vacante son derivados ao outro médico existente no centro”, algo que segundo o escrito remitido ao SERGAS “está a xerar unha saturación no dito facultativo e un atraso nas citas, o cal incide directamente na calidade do servizo que se está a prestar”.

Por este motivo, “ao abeiro das inquedanzas e queixas manifestadas pola veciñanza” o Goberno local urxe á Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol para que “á maior brevidade posible, asegure que as prazas estean permanentemente cubertas, independentemente das circunstancias do persoal que poida estar ocupando eses postos”.

O Concello fundamenta a petición na necesidade de manter un servizo básico e critica que “os discursos oficiais de apoio ao rural” por parte da Xunta de Galicia “non se están a materializar con feitos”.

Na carta asinada por Secundino García razóase que a xente do rural “ten os mesmos dereitos que as persoas dos núcleos urbanos”, polo que “é imprescindible que se lle presten servizos públicos de calidade acaídos ás súas necesidades”.

A instancia dirixida á Xerencia de Xestión Integrada foi cursada este luns a media mañá.