Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente publica no dog as normas dos sorteos e da veda de permisos de pesca en coutos para a tempada 2019


O período de presentación de solicitudes empezará mañá e o límite para entregalas remata o 20 de novembro, ás 14.00 horas
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se establecen as normas dos sorteos e da veda de permisos de pesca en coutos para a tempada do ano 2019.

O período para a presentación de solicitudes comeza mañá e o límite de entrega rematará o vindeiro 20 de novembro, ás 14:00 horas. Como é habitual, celebraranse dous sorteos por provincia: un para os permisos de salmón e outro para os restantes tipos de permisos de pesca. No seguinte cadro detállase o calendario do proceso, que comeza o 31 de outubro coa presentación de solicitudes e remata ao 20 de decembro co sorteo.

Data de inicio da presentación de solicitudes 31 de outubro
Límite de presentación de solicitudes 20 de novembro, ás 14:00 horas
Publicación das listaxes provisionais 27 de novembro
Publicación das listaxes definitivas 12 de decembro
Data de sorteo 20 de decembro, ás 12:00 horas

Como na tempada pasada, o sistema permite a renovación on line das licencias de pesca autonómicas autorizadas. Dende a páxina web da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, no enlace de renovación de licencias (http://cmaot.xunta.gal/tema/c/CMAOT_Conservacion), os usuarios poderán realizar este trámite sen necesidade de achegarse a unha das oficinas da administración. Durante a tempada pasada de pesca repartíronse un total de 10.206 permisos a pescadores mediante estes sorteos, entre eles 2.962 permisos en coutos de salmón.

Proceso de presentación das solicitudes
As solicitudes deberanse presentarse preferentemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar en soporte papel nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta.
Asemade, os resultados dos sorteos poderán consultarse na páxina web (https://pescafluvial.xunta.gal) e nas oficinas dos servizos provinciais de Conservación da Natureza.
Os interesados deberán consultar nesta páxina o día e o rango horario no que lles corresponderá escoller os permisos; trámite que poderán facer vía telemática ou ben mediante unha chamada aos teléfonos que lles serán indicados durante o desenvolvemento do procedemento.

No prazo de 5 días naturais, contados desde a data da escolla, os permisos seleccionados deberán ser pagados nunha entidade bancaria ou telematicamente. Nos casos nos que non se retiren os permisos persoal nin telematicamente, poderase xustificar o seu pago mediante o envío da copia para a Administración do impreso de liquidación debidamente formalizado por fax ou correo electrónico. Aquelas persoas que no prazo fixado non realicen o pago dos permisos reservados en tempo e forma, entenderase que renuncian á súa participación na fase de escolla de permisos, e terán bloqueados novos accesos á aplicación informática de venda de permisos durante o resto da tempada de pesca, agás circunstancias de forza maior documentalmente acreditadas.