Friday 22 de November de 2024

Arredor de 360 desempregados ampliarán as súas expectativas laborais grazas aos cursos de formación na comarca do Barbanza


O delegado territorial da Xunta presentou os cursos que terán lugar na comarca do Barbanza nos que se inviste máis de 872.000 euros

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou as instalacións de Academia Arca, onde se están a impartir tres cursos de formación AFD (Accións Formativas dirixidas prioritariamente a desempregados) relacionados con operación de sistemas informáticos, administración de bases de datos e de atención sanitaria a persoas dependentes en institucións sociais cun investimento de 155.000 euros.

Na comarca do Barbanza impartiranse a través do Plan de Emprego de formación 2018-2019, en total 24 cursos AFD tanto este ano como o próximo, nos que poderán participar 360 persoas que ampliarán a súa formación, e que ao remate recibirán os seus correspondentes certificados de profesionalidade, con validez en toda España. Estas accións teñen lugar en centros homologados, que poden ser tanto empresas como Concellos e entidades sen ánimo de lucro.

Ovidio Rodeiro sinalou que “a través deste programa a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá na área do Barbanza 872.000 euros”.

Esta iniciativa, que se enmarca na Axenda 20 para o Emprego, conta co obxectivo de seguir incrementando a ocupabilidade das persoas sen un traballo, facilitándolles o seu acceso ao mercado laboral, ao tempo que se dota a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas. A convocatoria destes cursos é plurianual (2018-2019), o que posibilitará que se imparta unha formación máis completa e, polo tanto, unha maior empregabilidade dos alumnos.

Como novidade este ano, os alumnos e alumnas poderán por primeira vez escoller o centro e a acción formativa que se impartirá en empresas, entidades sen ánimo de lucro e concellos que son os adxudicatarios das axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ademais, os centros de formación terán a posibilidade de seleccionar directamente ao alumnado. Ata o de agora a elección só correspondía ao Servizo Público de Emprego de Galicia.

Así, o alumnado poderá solicitar o centro e a materia na que se desexa formar a través do portal de Emprego https://emprego.xunta.gal/portal/index.php/gl/buscador-de-formacion. Tamén terá por primeira vez a posibilidade de coñecer o custo do curso no que se vai cualificar e que a Xunta apoia ao 100%. A persoa desempregada poderá obter na web toda a información sobre o curso que lle interesa: a data prevista de comezo, o horario, o lugar onde se imparte e os datos de contacto da entidade, así como a posibilidade de solicitar a preinscrición para o posterior proceso de selección que poderá levar a cabo o centro de formación. A cualificación que se imparta permitirá seguir accedendo a certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado e será acorde ás necesidades que demanda o tecido empresarial.

Inserción media do 60%
A Xunta continúa impulsando os cursos de formación dirixidos a persoas desempregadas, xa que este tipo de accións formativas alcanzan de media unha inserción laboral próxima ao 60%. Na selección do alumnado terán preferencia as mulleres, parados de longa duración, menores de 30 anos, emigrantes retornados, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, alumnos con baixa cualificación ou persoas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen certificados parciais.

O obxectivo do Plan de formación 2018-2019 é o de facilitar o acceso ao mercado laboral das persoas sen emprego de Galicia. Na convocatoria deste ano, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ampliou a dotación orzamentaria inicial co propósito de atender o maior número de solicitudes.

A formación para persoas desempregadas e ocupadas é un reto prioritario para o Goberno galego. Por iso, ten en marcha outro tipo de programas, como son as Unidades formativas na empresa; os obradoiros duais; ou os plans formativos para sectores específicos, como a automoción, o naval ou o forestal.