Saturday 16 de November de 2024

O Museo de Riveira incorpora á súa mostra sobre o Santa Isabel o valioso libro que sobre o naufraxio elaborou Luis Cebreiro


Familiares do segundo oficial do vapor entregaron a doazón
A Sala Museo Municipal de Riveira acaba de sumar aos seus fondos unha verdadeira xoia asociada ao afundimento na illa de Sálvora do vapor Santa Isabel en xaneiro de 1921. Trátase do libro no que o segundo oficial daquela embarcación, o ferrolán Luis Cebreiro, recompilou ao longo da súa vida a máis diversa información vinculada con aquela traxedia, como recortes de prensa, telegramas, cartas, fotografías, poemas e mesmo anotacións e recordos escritos do seu puño e letra acerca dun naufraxio no que o mariño se erixiu heroico protagonista: salvou decenas de vidas naquel suceso e se negou a montar nun bote salvavidas ante o risco de afundilo pola súa gran corpulencia e optou por ir nadando ata a illa.

Boa parte dos descendentes de Luis Cebreiro acudiron hoxe á instalación situada na rúa Galicia para facer acto de entrega deste volume: entre eles, tres netas —as irmáns Marisa e Celia Peña Cebreiro e a súa prima Cristina Cebreiro Gómez— e tres bisnetos —Yago Rodríguez Peña e Cristina e Marta Porcel Cebreiro—.

O libro —unha pertenza de María del Carmen Cebreiro González, única filla viva do oficial do Santa Isabel, aínda que a súa depositaria era Marisa Peña Cebreiro— foi recollido polo alcalde Manuel Ruiz en presenza da concelleira de Cultura Herminia Pouso e do responsable do museo, Miguel Ángel Vidal. Todos eles agradeceron efusivamente que confiasen no Concello de Riveira para exhibir esta valiosa peza, cuxo contido será analizado para enriquecer e afondar na historia dun acontecemento que dentro de dous anos e dous meses celebrará o seu centenario.

Como mostra de gratitude, a familia recibiu unha serie de reproducións facsimilares do volume.

Esta doazón incorpórase a unha mostra permanente da que tamén forman parte outros significativos obxectos como a campá do molinete de proa do vapor Santa Isabel ou unha das medallas concedidas ás Heroínas de Sálvora ademais de fotografías, vaixela, recortes de prensa ou unha réplica exacta dun camarote daquel infortunado barco pertencente á Compañía Trasatlántica Española.