Saturday 16 de November de 2024

Feijóo avoga por seguir impulsando a arbitraxe como mecanismo efectivo de resolución de conflitos e diminuír o colapso da Administración Xudicial


“Estamos falando de ofrecer as maiores garantías e de apoiar e incentivar un sistema que contribúa a aliviar o colapso da Administración de Xustiza, que diminúa a necesidade de utilizala dando solución e acordo”, incide

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou por seguir impulsando a arbitraxe como mecanismo efectivo e lexítimo de resolución de conflitos e diminuír o colapso da Administración xudicial. E aseverou que unha das claves para seguir estendendo este sistema, e para que día a día sexa máis útil aos cidadáns e á Xustiza, é que a sociedade teña cada vez máis confianza neles.

“Estamos falando de ofrecer as maiores garantías e de apoiar e incentivar un sistema que contribúa a aliviar o colapso da Administración de Xustiza, que diminúa a necesidade de utilizala dando solución e acordo aos distintos intereses que conforman un suposto”, afirmou, durante a clausura do I Congreso de Arbitraxe e Xurisdición.

Consciente de que vivimos unha xudicialización crecente na nosa sociedade, o titular da Xunta incidiu en que cobra cada vez máis importancia o apoio ao mecanismo de resolución de conflitos como a arbitraxe. E, nesta liña, resaltou, a modo de exemplo, que a Administración autonómica atopou na vía da arbitraxe unha enorme oportunidade para solventar o problema das preferentes; para, ante as entidades financeiras que estaban intervidas, buscar fórmulas non xudiciais e solucionar un problema que en Galicia afectaba a 70.000 familias. “Se non se empregase esa vía pactada, protocolizada, profesional e con garantías, probablemente a litixiosidade en preferentes colapsaría aínda máis o sistema xudicial e habería moitos preitos pendentes”, abundou.

Así mesmo, recordou que o Executivo autonómico está ademais comprometido con outras moitas iniciativas para tratar de facer unha Administración de Xustiza máis eficaz, máis moderna, máis áxil e máis útil aos cidadáns.

Ao respecto, destacou o ambicioso Plan de modernización tecnolóxica nos xulgados galegos, con case 50 millóns de euros de investimento para facer da Xustiza galega unha Administración do século XXI, co expediente dixital e traballando decididamente para acadar o papelame cero.

“E incrementamos ano tras ano as partidas destinadas á Xustiza nos orzamentos da Xunta e estamos acabando de executar o Plan de infraestruturas xudiciais, o maior investimento en edificios xudiciais efectuada nunca na Comunidade”, engadiu.

E, sobre o Plan de infraestruturas xudiciais, subliñou que os máis de 100 millóns de euros deste plan permitiron: estar en plenas obras de rehabilitación do antigo Hospital Xeral de Vigo para dotar a cidade dunha Cidade da Xustiza nun edificio emblemático; ter case acabadas as obras apra que Pontevedra dispoña dun novo edificio xudicial; contar con novos edificios xudiciais en Ourense e Santiago; e ter, na Coruña, un inmoble histórico como a Fábrica de Tabacos, completamente rehabilitado e recuperado para a Administración de Xustiza, para a cidade e para todos os cidadáns.

En relación á necesidade de ampliar a planta xudicial, Feijóo aseverou que, se ben esta decisión depende do Goberno central, “as peticións de ampliación sempre as fixemos consensuadas co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”.