A alcaldesa en funcións, Ana Soneira, supervisou o remate da segunda fase da construción do novo vestiario, ximnasio, zona de almacenamento e aseos. O orzamento do conxunto total da obra supera os 106.000 €
Ana Soneira, alcaldesa en funcións do Concello de Ordes, visitou a nova instalación coa que contan os atletas do club A Silva-Ordes. Trátase dun vestiario con duchas, zona de ximnasio, aseos e almacén. En total a construción conta con algo máis de 140 metros cadrados (27 metros de lonxitude), erixida a pé das pistas de atletismo. A súa situación achega unha maior comodidade para os usuarios e usuarias, ademais de respectar o estilo arquitectónico e acabado para englobala dentro do complexo deportivo de Vista Alegre.
O investimento desta segunda fase do proxecto ascendeu a 46.585 €. Levouse a cabo a partición interior do inmoble a base de fábrica de tixolo; illamento térmico de tubaxes e instalación interior ACS; instalación de fontanería, electricidade e carpintería interior; revestimentos de alicatado nas zonas de duchas; colocación de falso teito, pintado, así como a colocación de chan adaptado na zona do ximnasio.
“Aínda que o proxecto inicial contemplaba a construción dun almacén para o material deportivo decidimos modificalo despois dunha xuntanza cos responsables do club. Explicáronnos cales eran realmente as súas necesidades máis inmediatas, como aseos, duchas, vestiarios e o ximnasio”, manifesta a tamén concelleira de Deportes.
Previa a esta última fase o ano pasado procedeuse coa construción do inmoble, cuxo investimento total ascendeu a preto de 60.500 €, dos cales a Secretaría Xeral para o Deporte achegou preto de 50.000 €.
Paso adiante
Pepe Domínguez, adestrador e coordinador do Club Atlética A Silva-Ordes, aproveitou a visita na tarde de onte de Ana Soneira e José Luis Martínez Sanjurjo para trasladarlles o seu agradecemento “polo apoio brindado dende o Concello de Ordes ao club”. Domínguez cualificou de “moi importantes” estas novas instalacións, as cales “supoñen unha importante mellora para o cadro técnico e os atletas no seu día a día. Ao longo da semana son moitas horas as que pasamos aquí, e o feito de poder contar cuns aseos, duchas e almacén tradúcese en aforro de tempo e de esforzo para poder dedicalo aos nosos adestramentos. Ademais, isto supón un paso adiante de cara á celebración de competicións de certo nivel nas nosas instalacións, algo que sen dúbida nos axudará aínda máis a posicionarnos como o que somos, un club relevante e de referencia”, asegurou.