O Concello de Touro ten programado un fin de semana de teatro. A aventura teatral comenzará mañán venres, día 26 de outubro, co contacontos teatral Avós de Tinketrinke. O ciclo da vida e o respecto debido aos máis vellos son os dous temas tratados neste espectáculo. A ratiña Lilí Gruyére contarános como axudou a súa avoa, hai moitos anos, a plantar unha maceira. Hoxe, cada vez que come unha mazá, lémbrase dela. Contará contos que a súa avoa lle contou. Esta obra está destinada a todos os públicos. Será na Casa da Cultura a partir das 17.30 horas.
O domingo, día 28 de outubro, está programada a obra Puño puñete de Baobab Teatro. Trátase dun espectáculo de música en directo, cantigas, contos e tradición oral partindo de: `Puño, Puñete; que tés por dentro? Pan e fermento! Puño, Puñete, que tes por fóra? Pan e cebola!”. Baobab Teatro convoca aos cativos cos seus papás e mamás a descubrir un mundo de sensacións e emocións. O espectáculo está pensado para os máis pequenos. Será na Casa da Cultura a partir das 17.30 horas.