O programa arranca este venres coa estrea do documental ‘Comercio de falcóns en Emiratos Árabes’. 60 competidores participarán nas probas de altanería, pequenas aves e baixo voo
O XVII Campionato Galego de Cetrería, que se celebrará esta fin de semana en Ordes, contará coa participación de 60 competidores. Cetreiros e cetreiras chegados non só de Galicia, senón tamén de lugares como Asturias, León, Madrid ou Valladolid. Co deste será o terceiro ano consecutivo que Ordes, e máis concretamente a localidade do Mesón do Vento, acolla esta proba.
O programa arrancará coa estrea do documental ‘Comercio de falcóns nos Emiratos Árabes’, de Adrián González. Será ás 21 horas no Museo do Traxe. Inmediatamente despois haberá unha conferencia-coloquio conducida por Francisco González, criador de aves rapaces, e Julio César, cetreiro con experiencia nos Emiratos Árabes. Ao seu remate sortearanse as quendas de voo.
O sábado a partir das 9 horas disputaranse as probas de altanería, baixo voo azores, pequenas aves e baixo voo. Este día a xornada concluirá cunha cea de confraternidade entre todos os cetreiros e cetreiras.
Os voos dos finalistas comezarán ás 9 horas do domingo. Tras o xantar, xa ás 17 horas, procederase coa entrega dos trofeos e proclamaranse os novos Cetreiros do Camiño.
Todas as probas terán lugar no campo de competición que se habilitará na parroquia do Mesón do Vento (coordenadas:43º08´24.0”N 8º22’06.5”W). Situación htpps://goo.gl/maps/RzfJQEdppyp.
O XVII Campionato Galego de Cetrería está organizado pola Federación Galega de Caza e a Sociedade Galega de Cetrería, e conta coa colaboración do Concello de Ordes, a Sociedade Deportiva O Gatillo, Deporte Galego, Galicia Saudable e Mutuasport.