Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Moeche trasládalle á Xunta os problemas de seguridade das bancadas do campo de fútbol


A zona de bancadas do campo de fútbol municipal permanece clausurada por razóns de seguridade desde hai varios meses. Os problemas estruturais detectados levaron ao Concello a tomar esta medida a principios de ano, ao tempo que se comezou a buscar a colaboración económica doutras administracións para poñerlles remedio. Neste sentido, Beatriz Bascoy e o concelleiro Miguel Pedreira reuníronse hai escasos días coa Secretaria Xeral para o Deporte, Marta Míguez, para recabar o apoio da Xunta na reparación desta instalación, estimada nunha cantidade próxima aos 120.000 euros.

Os desperfectos na construción veñen de vello. Xa en 1994 se lle enviou un escrito á Xunta de Galicia poñendo de manifesto o mal estado da estrutura que, máis de dúas décadas despois, acusa a falla de mantemento durante anos, os efectos do clima e, presumiblemente, unha mala calidade dos elementos prefabricados que soportan a cuberta e a zona de asentos.

Cavillas enferruxadas, anacos grandes e pequenos de formigón que se desprenderon -incluso no teito dos vestiarios situados na parte baixa- foron sinais de alarma suficientes para que o Concello emprendese hai uns meses a impermeabilización do espazo destinado a deportistas e, en paralelo, para que encargase un estudo técnico sobre o estado de conservación das instalacións.

O veredicto do informe elaborado por arquitectos especializados e as recomendacións formuladas por persoal técnico da Deputación da Coruña foron tallantes: clausurar inmediatamente as bancadas polo perigo que supoñen.

Ante esta situación, o Concello solicitou unha xuntanza coa Secretaría Xeral para o Deporte de cara a expoñerlle a dimensión do problema e solicitar a implicación da Xunta na súa solución.

O encontro entre representantes municipais e Marta Míguez produciuse o venres pasado. Se ben non rexeitou apoiar a obra -cifrada en preto de 120.000 euros segundo as primeiras estimacións-, a responsable autonómica teríalle adiantado ao Goberno local que a restauración do equipamento “tería un custo moi elevado en relación co número de usuarios e usuarias da instalación”, tal e como resumiu Beatriz Bascoy á saída da reunión, na que tamén participou o edil Miguel Ángel Pedreira, á fronte de Medio Ambiente e Sanidade.

Ao respecto do encontro coa Secretaria Xeral para o Deporte, a alcaldesa indica tamén que desde a Xunta “aconsellan estudar outras solucións que signifiquen un desembolso menor”. Sobre esta cuestión Bascoy sinala que o Concello encargará “o antes posible” un anteproxecto que ofreza “a mellor solución técnica” e que, ademais, “recolla unha aproximación precisa aos custes totais da obra”. Unha vez listo, o plan presentaráselle de novo á Xunta.

A rexedora local considera que a Administración autonómica “debería participar achegando fondos para unha infraestrutura moi necesaria” engadindo que a solución ao deterioramento das bancadas do estadio municipal “non pode seguir agardando”.