O Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago acollerá, os vindeiros 13 e 14 de novembro, o evento Talentia 2018, que nace en Compostela como un novo espazo aberto polo emprego. Esta cita “toma o relevo dos foros de emprego que a Axencia Local de Colocación viña organizando nos anos anteriores”, tal e como sinalou a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois. As inscricións ábrense o mércores 31 de outubro.
Durante os últimos meses e no marco de Talentia 2018 foron difundíndose varias ofertas de emprego que agora teñen o seu culmen neste Foro de Emprego, que nace cun triplo obxectivo. “Por unha banda, conectar a empresas e demandantes de emprego; por outra, contribuír ao desenvolvemento das competencias para a empregabilidade e, finalmente, dar a coñecer as iniciativas públicas e privadas implicadas no fomento, a retención, a xestión e o retorno do talento que incidan no crecemento e evolución das organizacións, así como ao desenvolvemento económico e social das comunidades locais”, indicou Marta Lois.
Catro espazos
Talentia 2018 concíbese como un evento para o encontro, o diálogo e a reflexión sobre proxectos no ámbito do emprego en Santiago de Compostela, que se estrutura en diferentes espazos interrelacionados polo talento. Conecta o teu talento, certifica o teu talento, proxecta o teu talento e descubre o futuro do teu talento.
Conecta o teu talento. No marco de Talentia 2018 está previsto xestionar máis de 150 ofertas de emprego que están a ser publicadas na web da Axencia Local de Colocación, téndose xestionadas, ata o de agora, máis de 50 ofertas. Ademais, haberá empresas que realizarán os seus procesos de selección no propio Palacio de Congresos, tanto a través de entrevistas individuais como de dinámicas grupais. A intermediación laboral será realizada polo persoal técnico da Axencia Local de Colocación, nun labor que se mantén ao longo de todo ano.
Certifica o teu talento. Talentia será tamén un espazo para a obtención de acreditacións relacionadas con oficios e con competencias dixitais, así como para o desenvolvemento de diversas actividades que contribuirán ao desenvolvemento das competencias para o emprego das participantes.
Proxecta o teu talento. As persoas participantes poderán participar en obradoiros que lles permitan reforzar os seus talentos, así como en sesións de mentoring individual e grupal con profesionais e expertos/as de diversos sectores.
Descubre o futuro do teu talento. Diversas empresas presentarán os seus programas de captación, acollida e retención do talento, así como información sobre os perfís profesionais máis demandados e as características dos seus procesos de selección.
Neste evento celebraranse tamén unhas xornadas específicas que levan por nome “Oportunidades para o talento e a creación de emprego nas economías locais” e que contarán con expertos/as do ámbito público e privado que abordarán os retos relacionados co desenvolvemento do talento.
Tal e como sinalou Marta Lois, “este foro toma o relevo dos que vimos impulsando estes anos e que tiveron uns datos moi positivos: 3.616 visitas, 148 postos de traballo xestionados e máis de 1.000 persoas participantes nas accións formativas”. Xunto á concelleira estivo na rolda de prensa o responsable municipal da área de Emprego, Xavier Ferreiro.