Ata o 15 de novembro pode solicitarse a través dos Servizos Sociais do Concello a participación no programa para persoas maiores “Xuntos polo Nadal”, que ofrece unhas pequenas vacacións de lecer para quen non teña con quen pasar estas festas. Hai 260 prazas dispoñibles ás que poderán optar persoas maiores de 60 anos que vivan soas. O programa convócao a Secretaría Xeral de Política Social da Xunta, quen lle dará prioridade a aquelas persoas máis anciás que realmente non teñan con quen pasar o Nadal, a quen quedase viúvo ou viúva -ou perdese a persoa coa que convivía- nos últimos anos, a quen teñan menores ingresos ou a quen non gozase o ano pasado deste mesmo programa.
Outro requisito importante é que as persoas solicitantes poidan valerse por si mesmas, que non estean acollidas en ningún entorno residencial e que non padezan enfermidades contaxiosas nin trastornos que poidan alterar a convivencia.
A Xunta oferta 130 prazas na residencia de tempo libre do Carballiño -para solicitantes de Pontevedra e Lugo- e outras 130 para a residencia de tempo libre de Panxón, en Nigrán (xusto á beira da Praia de Patos), das que se poderán beneficiar as persoas solicitantes de A Coruña e de Ourense.
O Programa contempla o aloxamento en habitacións compartidas e a mantenza en réxime de pensión completa durante 16 días (15 noites) entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro. A viaxe é de balde para quen teña ingresos inferiores ao IPREM -537,84 euros-, mentres que quen pase desa cantidade deberá facer unha única achega de 50 euros. Ademais da viaxe e a manutención, a iniciativa tamén proporciona actividades da animación sociocultural durante toda a estadía.
A Xunta daralle preferencia na asignación de prazas ás persoas que perdesen a parella ou persoa coa que convivisen nos últimos anos, ás que teñan máis idade, ás que teñan un menor nivel de ingresos
As solicitudes poden tramitarse na delegación da Xunta ou nos Centros Sociocomunitarios de Benestar dependentes da Consellería de Política Social, aínda que o máis cómodo é acudir ao departamento municipal de Servizos Sociais, onde nos facilitarán o correspondente informe social e onde tamén nos axudarán a cubrir a documentación.