O Concello de Noia vén de sacar a licitación o contrato de “Mellora de Camiños no Concello de Noia 2018”, que busca mellorar o tránsito e promover unha accesibilidade adecuada en dous camiños rurais dos núcleos de Alvariza e Campo de Castro. Un contrato que sae cun orzamento base de licitación de 50.496,87 euros (IVE incluído) e un prazo máximo de execución de oito semanas.
O alcalde de Noia, Santiago Freire, explica que “con estas obras conseguiremos mellorar e manter o firme existente nestes dous camiños municipais que dan acceso a parcelas que forman parte de explotacións de carácter agrario”. Uns traballos incluídos no Plan de Mellora de Camiños Municipais 2018-2019 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).
No caso de Alvariza, o camiño comeza na estrada AC-543 Noia-Santiago, ten unha lonxitude de 210 metros e un ancho medio de 3 metros, con firme de zahorra. A obra a executar consistirá na ampliación do camiño ata alcanzar os 4 metros, estendéndose neste sobreancho unha capa de zahorra de 25 centímetros de espesor para deseguido aplicar a toda a plataforma unha capa de macadam de 20 centímetros e un rego semiprofundo, un rego superficial e outro de selado. Deste xeito, conseguirase mellorar e manter o firme existente. Así mesmo, limparanse as cunetas por ambas marxes en todo o camiño.
No caso do outro camiño, que une Roo con Castro e dá a acceso á central do Tambre, o Concello de Noia actuará no tramo comprendido entre Castro e a Central do Tambre. Un tramo que ten 730 metros de lonxitude e un ancho de 4 metros, cun firme de macadam bituminoso. Neste caso a obra consistirá na extensión dunha capa de mestura bituminosa en quente de 5 centímetros de espesor co fin de regularizar a existente e mellorar a súa capacidade portante, ademais da limpeza das cunetas de ambas marxes.