A Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia, publicada no DOG nº 194 do 11/10/2017, en vigor desde o 11 de xaneiro deste ano, recolle no seu artigo 7 un conxunto amplo de obrigas que deben cumprir as persoas propietarias e posuidoras de animais de compañía. Entre elas están a de alimentalos, darlles aloxamento, sometelos a revisións veterinarias ou evitar que poidan acceder libremente ás vías ou a espazos públicos ou privados. Igualmente é obrigatorio manter actualizados os datos comunicados aos rexistros públicos relacionados cos animais de compañía, como pode ser o caso dun extravío ou da morte do animal doméstico. Porén, a realidade é que aínda hai moitos casos de abandono -sobre todo de cans e cadelas- ou de incumprimento da normativa, ben porque os animais non están debidamente identificados ou porque non se lle brindan os coidados axeitados. Ademais, a recollida de cans ceibos suponlle ao Concello un gasto anual superior aos 3.000 euros. Esa é a razón de que no último boletín Novas se fixese unha chamada á responsabilidade veciñal no tocante a esta cuestión.
A lei autonómica establece que todos os cans teñen que levar chip obrigatoriamente e que este debe colocárselle antes dos tres meses de vida. Para poñérllelo hai que acudir a unha clínica veterinaria autorizada. É un procedemento rápido e indoloro que, ademais de identificar o animal e rexistralo automaticamente, tamén é a principal maneira de dar con el no caso de que se extravíe. Insistimos: o microchip subcutáneo é obrigatorio para todos os cans, sexan da raza que sexan.
Porén, cando se trata de razas potencialmente perigosas, a cousa é algo máis complexa e igualmente obrigatoria. Considéranse como tales as seguintes: american stafforshire terrier, pit bull terrier, bullmastif, dobermann, dogo arxentino, dogo de Bordeos, dogo do Tíbet, fila brasileiro, mastín napolitano, presa canario, presa mallorquín (ca de bou), rottweiler, bull terrier, staffordshire bull terrier, tosa inu e akita inu, así como as restantes razas que poidan determinarse na normativa estatal sobre animais potencialmente perigosos de obrigado cumprimento.
Para ter e poder pasear cun animal de calquera destas razas hai que obter primeiro unha licenza que se debe tramitar no concello de residencia e que só poderán obter as persoas maiores de idade. Fan falla os seguintes papeis: a solicitude por escrito -no Concello hai xa un modelo específico-, unha folla de antecedentes penais que se lle debe pedir ao Ministerio de Xustiza, un certificado da Consellaría de Medio Ambiente conforme non existen sancións previas por maltrato animal, un psicotécnico e a correspondente póliza do seguro de responsabilidade civil, que ha de cubrir un mínimo de 125.000 euros. Tamén fai falla achegar unha foto de tamaño carné da persoa propietaria e/ou coidadora do animal, posto que non chega cunha única licenza se o animal o vai pasear alguén máis que o seu dono ou dona. É máis, calquera que leve o can terá que posuír esa acreditación.
A licenza ten unha vixencia de 5 anos e, unha vez cumprido ese prazo, hai que solicitar a renovación volvendo achegar toda a documentación. Cómpre lembrar que o recibo do pagamento do seguro debe presentarse todos os anos no Concello para confirmar que está ao día.
Feitos todos estes trámites, e tan pronto como se obteña a licenza, haberá que solicitar a inscrición do animal no rexistro municipal, algo que durante este 2018 xa fixeron seis persoas no noso concello.
Desde o Concello de San Sadurniño lémbrase, unha vez máis, que a tenza de animais domésticos supón unha serie de obrigas e unhas responsabilidades que deben ser asumidas polas persoas propietarias. Neste sentido hai que insistir unha vez máis en que está prohibido abandonar calquera animal xa que, á parte dos problemas de convivencia e de seguridade que se poden xerar, estes abandonos provocan uns gastos anuais para o Concello de máis de 3.000 euros.