Friday 22 de November de 2024

Aberta a inscrición para o programa Xuntos polo Nadal


 

Grazas a el as persoas maiores poderán desfrutar dende o 23 de decembro ata o 7 de xaneiro das festas nas residencias do Carballiño e Nigrán

O Departamento de Servizos Sociais do Concello de Ordes pon en coñecemento das persoas maiores que xa está aberto o prazo para participar no programa ‘Xuntos polo Nadal’. Un programa posto en marcha pola Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade de cara á promoción do envellecemento activo e a convivencia.

A estancia terá lugar entre o 23 de decembro de 2018 e o 7 de xaneiro de 2019. En total ofértanse 260 prazas, das cales 130 correspóndenlle á Residencia de Tempo Libre do Carballiño para as persoas solicitantes das provincias de Lugo e Pontevedra, e as 130 restantes á residencia de Panxón (Nigrán) para as de Ourense e A Coruña. Entre os requisitos esixidos figuran estar empadroados nalgún dos concellos galegos e vivir no seu domicilio, estar só nas datas do Nadal, non estar acollido nun centro residencial e valerse por si mesmo ou ter máis de 60 anos.

O prazo de presentación das solicitudes estará aberto ata o 15 de novembro. Aquelas persoas con menores recursos económicos (ingresos mensuais inferiores a 537,84€) poderán optar a prazas gratuítas, mentres que para as demais terá un custo de 50 €.
Para acadar máis información pódese chamar ao Departamento de Servizos Sociais da Mancomunidade de Ordes (981680002). Tamén a través da páxina web da Consellería de Política Social http://politicasocial.xunta.gal/web/portal/portada-de- maiores, ou chamando aos teléfonos 981 547437 e 900333666 (este último é gratuíto). Tamén se dispón do correo electrónico: autonomiapersoal.sxps@xunta.gal.