Friday 22 de November de 2024

O Concello de Moeche saca a concurso o contrato de limpeza das instalacións municipais


 

Xa está publicada na Plataforma de Contratación do Sector público a licitación do servizo de limpeza dos espazos do Concello de Moeche. A convocatoria estipula un prezo base de 30.250€ anuais -ive incluído- para un contrato que terá unha duración inicial de un ano, pero que poderá prorrogarse ata un total de tres. As instalacións incluídas son a Casa do Concello, o CEIP, a antiga biblioteca, o pavillón, os locais socioculturais de Trieiro, parte do mercado e tamén as salas cubertas do castelo. O contido completo do procedemento pode consultarse nesta ligazón.

A licitación iniciada pola Administración local obedece á necesidade de adiantarse ao vencemento do contrato actual, en vigor ata decembro deste mesmo ano. Explícao Beatriz Bascoy: “en 2016 contratouse por primeira vez o servizo de limpeza das dependencias municipais. O acordo tiña unha duración de un ano con posibilidade de amplialo outro ano máis que se cumprirá a primeiros de decembro. Temos que garantir que o servizo non se interrompa. Por iso o licitamos neste momento, co obxectivo de que o remate dun contrato e o comezo do novo vaian practicamente empatados, independentemente da empresa que o xestione”.

No procedemento aberto hai uns días amplíase a duración do contrato que, se ben se licita por un período inicial de un ano, poderá alongarse ata un total de tres anos por mutuo acordo das partes.

En canto ás condicións de prestación do servizo, os pregos técnicos establecen que a Casa do Concello deberá limparse e fregarse de arriba abaixo alomenos dous días por semana e que tres veces no ano será obrigatorio limpar as fiestras.

As instalacións do CEIP San Ramón -agás a cociña, que conta con limpeza propia- deberán varrerse e fregarse todos os días, incluído o patio cuberto. Dúas veces no ano tamén se lle dará un repaso ás fiestras e, ademais, a empresa adxudicataria deberá facer unha limpeza xeral en profundidade xusto antes do comezo do curso.

As obrigas no caso do pavillón municipal serán a do varrido e fregado da cancha e as bancadas un día á semana, xunto cunha limpeza xeral a finais de xuño, principios de setembro e no Nadal.

O contrato esixe tamén manter en orde de revista outras instalacións: a antiga biblioteca limparase un día á semana entre os meses de outubro e xuño; no local social de Abade pasarase o trapo, a vasoira e a fregona dous días á semana nese mesmo período e no Centro Cultural Francisco Piñeiro deberá limparse alomenos dous días no mes como media anual. Nestas dúas últimas instalacións daráselles brillo aos cristais, como pouco, unha vez cada catro meses.

Completan a relación de espazos o castelo e máis o recinto feiral. Ao primeiro cumprirá limparlle as salas e baños unha vez ao mes en abril, maio, outubro, novembro e decembro. De xuño a setembro -período de maior recepción de visitantes- os labores de adecentamento serán dous por mes. Ademais tamén se esixen dúas limpezas xerais, unha antes da Semana Santa e outra nos días previos ao Festival Irmandiño. Para as instalacións feirais de San Ramón o contrato estipula o varrido, fregado e desinfección dos baños exteriores -que se acondicionarán en breve-, así como o do espazo da antiga nave dos tecidos, onde hoxe se asenta o mercado semanal. Cada tres meses -como mínimo- a adxudicataria tamén deberá limpar a superficie acristalada do recinto.

Os pregos técnicos da licitación recollen como se tratarán os casos en que cumpra facer limpezas extraordinarias por mor de actos concretos -que se aboarán á parte-, así como aquelas deducións que se aplicarán cando unha determinada instalación se peche ou non estea en funcionamento durante algún tempo.

O prezo base do contrato estimouse en 30.250€ anuais, ive incluído, que veñen sendo 90.750 euros para o tope máximo da súa vixencia durante tres anos. Cifras que, case con total seguridade, se verán sensiblemente reducidas nas ofertas que presenten as empresas aspirantes a facerse coa xestión do servizo.