A sala municipal de exposicións de Brión acollerá mañá martes 23 de outubro, ás 18:00 horas, o espectáculo “O aniversario da biblioteca”, unha actividade de animación á lectura con música, teatro e danza dirixido a nenos e nenas de tres anos en adiante. Unha iniciativa protagonizada por Celtia Figueiras e Luís Vallecillo e que será de acceso libre e de balde ata completar aforo.
Durante uns 50 minutos, os nenos e nenas farán de detectives con Celtia e Luís para buscar pistas sobre a historia da biblioteca de Brión, dende o seu nacemento ata a actualidade. Un espectáculo cheo de música, contos, xogos, globos… e unha gran torta coas súas candeas para desexarlle unha longa vida á biblioteca brionesa. Con esta actividade, incluída no programa Outono Cultural, o Concello de Brión quere conmemorar o Día Internacional das Bibliotecas, que se celebra o 24 de outubro.