Friday 22 de November de 2024

A Guía Repsol 2015 concede o terceiro Sol Repsol ao cociñeiro Pepe Solla


Por primeira vez, un restaurante galego obtén a distinción dos tres Soles Repsol

A Guía Repsol 2015, presentada en Madrid, concedeu ao restaurante do cociñeiro galego Pepe Solla, “Casa Solla”, en Poio (Pontevedra), o seu terceiro Sol Repsol entrando no prestixioso grupo de mellores restaurantes do ano.

A edición 2015 desta prestixiosa guía, outorgou dous Soles Repsol a nove restaurantes galegos sendo recoñecidos, deste xeito, pola súa calidade excelente en cociña e servizo no restaurante. Un ano mais recibiron os dous Soles Culler de Pau, D’Berto, Galileo e Pepe Vieira. Únense a este grupo como novidade Acio, Alborada, Maruja Limón, Retiro da Costiña e Yayo Daporta.

Así mesmo, 16 restaurantes galegos foron recoñecidos polo equipo de expertos deste manual con un Sol Repsol o que lles confire a distinción de cociña de gran calidade e variedade suficiente. Estes restaurantes son, unha edición máis, A Taberna, As Garzas, Casa Bóveda, Casa Marcelo, Dos Reis, El Refugio, España, La Taberna de Rotilio, Nito, Pablo Gallego, Pulpeira de Melide, Silabario, e Toñi Vicente. Como novidade, obteñen o seu primeiro Sol Repsol A Estación, A Gabeira e Ábore da Veira.

Galicia suma, deste xeito, un total de 37 Soles Repsol -8 máis que o pasado ano- que distinguen a 26 restaurantes galegos – dous máis que na edición 2014-.

Os Soles Repsol son outorgados pola Asociación de Amigos da Real Academia de Gastronomía e a Cofradía de la Buena Mesa. Con eles autentícase a excelencia culinaria, a calidade da materia prima e a súa execución, o respecto pola cociña da rexión, a súa carta de viños e o servizo de mesa e sala. En definitiva, recoñécense todas as calidades dun restaurante que inciden positivamente na experiencia do viaxeiro.

Primeira guía online de Soles Repsol en Galicia
Turismo de Galicia presentou o pasado mes de outubro a primeira edición da ‘Guía de Soles Repsol en Galicia’ que recolle os 24 establecementos galegos distinguidos no ano 2014 con este prestixioso selo.

Esta guía, que pode descargase gratuitamente na páxina web de Turismo de Galicia nas linguas galega, castelá e inglesa, constitúe un elemento fundamental da promoción da gastronomía.

A guía dedica unha reportaxe de dúas páxinas a cada un dos 24 establecementos referenciados, que inclúen cinco apartados: ‘Con nome propio’, ‘Nos fogóns’, ‘Oído cociña’, ‘Como na casa’ e ‘Na sobremesa’. No primeiro apartado figura unha breve descrición do xefe de cociña de cada local. ‘Nos fogóns’, refire información dos produtos e a filosofía da cociña de cada establecementos, mentres que ‘Oído cociña’, fala das técnicas persoais de cada xefe de cociña. Por último, os apartados ‘Como na casa’ e ‘Na sobremesa’ refírense ás características propias de cada establecemento e ás posibilidades turísticas da contorna de cada local gastronómico, respectivamente.

A gastronomía, unha das grandes fortalezas de Galicia
Son moitos os restaurantes galegos que galardoados con diferentes distintivos tanto a nivel nacional como internacional. En Galicia localízanse máis de 50 restaurantes certificados coa Q de Calidade Turística aos que hai que engadir os 12 que este ano obtiveron o prestixioso recoñecemento de Estrela Michelin.

Grazas a calidade dos produtos galegos e ao alto nivel dos seus cociñeiros que mesturan tradición e vangarda, a gastronomía converteuse nun dos principais atractivos do noso destino e un potente elemento de fidelización. Concretamente é a segunda motivación, tras a natureza, pola que os turistas nos elixen como destino.

Por todo isto, desde Turismo de Galicia incídese na potenciación deste recurso tanto como motivación principal como complementaria do viaxe a través de programas como o Outono Gastronómico no Turismo rural, De Tapas por Galicia ou as Rutas do Viño que poñen a disposición dos turistas e visitantes diferentes posibilidades para saborear a gastronomía e os viños galegos á vez que se goza dos encantos tanto das zonas rurais como das urbanas.

Esta aposta da Administración polo turismo enogastronómico está reflectida no Plan Integral de Turismo de Galicia que identifica a gastronomía da nosa comunidade como unha fortaleza e a variedade e calidade dos seus produtos enogastronómicos como elementos que constitúen vantaxes competitivas e diferenciais respecto doutros lugares.