Saturday 23 de November de 2024

Juan Alcalde Tubío e María Teresa Piñeiro Oca reciben os Berberechos de Honra das III Xornadas de Exaltación do Berberecho de Noia


 

A conselleira do Mar, o alcalde de Noia e o presidente da Confraría de Pescadores San Bartolomé presidiron a homenaxe a toda unha vida dedicada ao marisqueo na ría de Muros-Noia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana; o alcalde de Noia, Santiago Freire, e o presidente da Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia, Santiago Cruz, presidiron o acto de entrega dos Berberechos de Honra a Juan Alcalde Tubío e María Teresa Piñeiro Oca polo seu labor e traballo ao longo da súa vida no marisqueo na ría de Muros-Noia. Un acto no que estiveron acompañados polos concelleiros de Cultura, José Pérez; Comercio, Mariola López; e Obras, Martín Fernández.

As distincións foron entregadas no marco das III Xornadas de Exaltación do Berberecho de Noia, que hoxe celebrou unhas xornadas técnicas na Casa da Cultura noiesa ás que asistiron máis de medio cento de persoas. Santiago Freire felicitou a ambos mariscadores e agradeceu o traballo da Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia “no desenvolvemento desta promoción dun produto tan importante para Noia e a nosa comarca como é o berberecho”. O alcalde aproveitou tamén para desexarlle ao Patrón Maior “todos os éxitos posibles na súa nova etapa á fronte da Confraría” xa que “nos gustaría que se acadaran este ano os obxectivos da temporada pasada”.

Homenaxeados

Santiago Cruz foi o encargado de entregarlle o Berberecho de Honra a Juan Alcalde Tubío “o rianxeiro”, nado en Rianxo o 16 de outubro de 1931 pero que viviu toda a súa vida en Noia, onde casou e traballou como mariscador de a flote e mesmo chegou a ser Tesoureiro da Confraría de Pescadores. “É un home moi traballador e adiantado ao seu tempo que ensinou moitas cousas. Por exemplo, cando se navegaba con néboa, el ensinou a usar o compás e o reloxo para calcular cando chegabas ao destino. Foi un exemplo para a miña xeración e para as outras”, asegurou o patrón maior noiés. Pola súa banda, Juan Alcalde agradeceu a distinción asegurando que “pasei por todas cantas puido haber ata que me xubilei”.

A conselleira do Mar foi a encargada de entregar a distinción a María Teresa Piñeiro Oca, a quen desexou que “ogallá lles podades transmitir as novas xeracións os valores que se conseguen traballando polo mar e para o mar. Eu espero que Juan e Teresa, durante moitos máis anos sigan ensinando a todos os valores do traballo e o recoñecemento do que temos”. Pola súa banda, Teresa Piñeiro, mariscadora de a pé, recoñeceu que “empecei a ir mariscar cando puiden co sacho”. Lembrou que “naqueles tempos era moi traballoso. Non tiñamos lanternas, nin traxes, nin nada. Despois empezamos a prosperar. Pero iamos coas capturas na cabeza dende Broña ata O Freixo. Pero sempre foi a máis”.

Berberecho de calidade

A conselleira Rosa Quintana tamén apuntou que “é o terceiro ano que participo neste acto e teño que agradecer dende a Consellería tanto á Confraría de San Bartolomé como ao Concello de Noia o esforzo que fan para poñer en valor o traballo de tantas persoas que xeran riqueza e valor na ría de Muros-Noia”. A conselleira amosouse convencida de que “podemos competir con todo o mundo en calidade, non en cantidade. Debemos seguir producindo produtos de calidade e poñelos en valor, para que destaquen por enriba de todos os demais. E iso é o que se co Berberecho de Noia e coa súa marca de calidade diferenciada”.

A titular de Mar tamén destacou a importancia das marcas de calidade e dos selos de sustentabilidade coma este no eido das relacións comerciais, xa que son instrumentos perfectos para asegurar a nosa competitividade no mercado e garantir a calidade dos produtos do noso mar. Así, Rosa Quintana fixo fincapé no incremento das descargas de berberecho en Noia o ano pasado, que medraron un 70% e a facturación aumentou nun 80%.

Previamente, na Casa da Cultura tiveron lugar dúas ponencias: “A identidade de orixe xeográfica do berberecho galego: resultados proxecto Valober.gal”, de Manuel Rey, doutor en Ciencias e catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC; e “Modelo de gobernanza pesquería de berberechos e ameixas da Confraría de Pescadores de Noia. Recoñecemento internacional de Nacións Unidas FAO”, de Juan Gómez Blanco, da Confraría de Pescadores de Noia.

Degustación o domingo

As III Xornadas de Exaltación do Berberecho de Noia pecharanse mañá domingo 21 de outubro coa tradicional Degustación popular de arroz e empanadas con Berberechos de Noia, que terá lugar de 13:00 a 15:00 horas na carpa da alameda. Todas as persoas que participen doarán 1 euro por ración a beneficio da Cruz Vermella de Noia e Cáritas de Noia. Previamente actuarán o grupo folclórico Cherumia, que percorrerá o caso histórico e a alameda de 12:00 a 13:00 horas.

As III Xornadas de Exaltación do Berberecho de Noia están organizadas pola Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia, en colaboración co Concello de Noia, a Sociedade Liceo de Noia, o Museo do Mar de Noia, a Consellería do Mar, a Deputación da Coruña e o Grupo de Acción Local Costa Sostible.