O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a convocatoria de subvencións para a rehabilitación nas ARIS de Vite, Vista Alegre, Cidade Histórica e dos grupos de vivendas Compostela e Cardeal Quiroga, da Pontepedriña. As axudas están dirixidas a comunidades de propietarios que realicen, preferentemente, obras de mellora de accesiblidade e e eficiencia enerxética. O prazo para solicitar as axudas é dun mes, e a data máxima de xustificación da subvención rematará o 31 de outubro de 2019.
A convocatoria de subvencións para a ARI de Vite, Fase I, ten un orzamento global de 324.000 euros, para un máximo de 26 vivendas. Para as Fase 7 e 8 da Área de Rehabilitación Integral de Vista Alegre destínanse algo máis de 630.000 euros para 64 vivendas; e para a Cidade Histórica haberá máis de 340.000 euros para 59 actuacións. Por último, para a Área de Rehabilitación Integral dos Grupos de Vivendas Cardeal Quiroga e Compostela resérvanse preto de 360.000 euros para un máximo de 46 actuacións.
Programa Limiar
Relacionado con esta convocatoria de subvencións, a Xunta de Goberno acordou hoxe a inclusión, no programa LIMIAR, de dez edificios co “grao absoluto de implicación”, isto é, que xa teñen cubertos todos os trámites para poder optar ás subvencións, incluída a redacción do proxecto de obras e a solicitude da licenza. Deses edificios, cinco forman parte da ARI da Cidade Histórica, e outros cinco da Área de Rehabilitación Integral de Vista Alegre.
Á marxe destes edificios, no programa están inscritos outros 36 edificios que aínda non acadaron o “grao absoluto de implicación” para a solicitude das subvencións. Deles, 13 forman parte da ARI da Cidade Histórica, 10 da Área de Rehabilitación Integral de Vite, 6 da ARI de Vista Alegre, 3 da de Pontepedriña, e outros tres pertencen a zonas que non teñen a declaración de Área de Rehabilitación Integral.