O Concello de Lousame celebrou esta mañá unha sesión extraordinaria e urxente para desestimar o expediente de contratación do Servizo de Axuda no Fogar, na modalidade de dependencia, aprobado na sesión do pasado 11 de outubro, para acto seguido aprobar un novo expediente polo mesmo importe (664.413,29 euros) e a mesma duración (2 anos) pero cunhas bases diferentes. Un cambio que motivou que o grupo municipal socialista cambiase a abstención da semana pasada por un voto a favor, polo que a iniciativa saíu adiante por unanimidade.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, xustificou a urxencia da moción na necesidade “de licitar o máis rápido posible un servizo fundamental para a atención aos nosos maiores e dependentes no noso municipio”. Así, explicou que o pasado luns a secretaria municipal advertiu da posibilidade de incrementar a puntuación pola calidade do servizo nas bases da licitación polo que, ao non estar aínda publicado no Perfil do Contratante, optouse por desistir dese expediente e iniciar un novo.
O voceiro socialista, Julio Paradela, indicou que “cambiamos a nosa abstención por un voto a favor porque as reticencias que tiñamos están corrixidas, aínda que nos gustaría que pesara máis a calidade sobre o prezo”. Teresa Villaverde apuntou que “non é cuestión de gustar máis ou menos. Tamén a nós nos gustaría que se puidera valorar máis a calidade do servizo, pero a lei so permite facer isto en casos moi concretos. Agradecemos que a secretaria detectara a tempo esta posibilidade, que nos permite valorar máis a calidade do servizo que se oferte”.
Unha vez aprobado polo pleno municipal, o expediente de contratación será publicado a próxima semana no Perfil do Contratante do Concello de Lousame para dar inicio o procedemento de contratación, que será licitado por procedemento aberto e tramitación ordinaria. Os concelleiros do BNG e do Partido da Terra non asistiron á sesión.