Subliña a importancia do esforzo conxunto e coordinado entre administracións
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a Xunta terá mobilizado, entre 2009 e 2016, 1.000 millóns de euros en saneamento, como proba incuestionable do seu compromiso coas rías galegas e a calidade das súas augas. “Desde 2009 ata 2016 temos o obxectivo de conseguir a depuración completa das rías galegas, o que supón 1.000 millóns de investimento para conseguir, en plena crise económica, o saneamento integral da ría de Vigo, da ría de Arousa, da de Ferrol, e da ría do Burgo”, sinalou.
Feijóo, que hoxe visitou, acompañado da ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, as obras da EDAR Lagares, referiuse a esta visita como a evidencia de que dentro dun ano os galegos e os vigueses verán por fin satisfeita a aspiración colectiva do saneamento integral da ría de Vigo.
Logo de lembrar que desde a súa chegada ao Goberno galego a Xunta situou entre os seus grandes retos a culminación desta infraestrutura, o responsable autonómico afirmou que esta EDAR devolveralle ás augas da ría de Vigo unha calidade óptima á altura da súa importancia económica, da súa beleza paisaxística e da súa riqueza natural. “Permitirá prestar nas condicións necesarias o servizo básico de saneamento nesta área metropolitana”, abundou.
Así mesmo, incidiu en que esta obra dará servizo a unha poboación de 800.000 habitantes, para favorecer o traballo das miles de persoas que viven da pesca e do marisqueo nestas augas e para reforzar o atractivo turístico dun dos enclaves con maior magnetismo do territorio galego.
Durante a súa intervención, Feijóo lembrou que a Xunta realiza na EDAR de Vigo o maior investimento da súa historia nunha obra hidráulica: máis de 125 millóns de fondos propios, aseverou, ao que engadiu que o investimento total de case 280 millóns converten esta nova estación depuradora de augas residuais de Vigo na maior obra de depuración que se executa en España.
“A maior depuradora de España e, desde o punto de vista técnico, a terceira depuradora máis importante de Europa. Nunca a administración hidráulica galega tivera feito unha aposta de tanta importancia económica e social como esta infraestrutura”, precisou.
“Estamos a falar dunha nova depuradora con capacidade de tratamento para un caudal de 3,40 m3/segundo en tempo seco e de 12 m3/segundo en tempo de choiva; dun novo emisario submarino de máis de 3,7 quilómetros; e dunha nova acometida eléctrica que proporcionará a potencia necesaria para manter funcionando este sistema”, explicou Feijóo, quen subliñou, tamén, a importancia do esforzo conxunto e coordinado entre as administracións.
Dotar a Vigo duns servizos acorde ás súas necesidades
Ademais desta EDAR, o presidente da Xunta referiuse tamén a outras infraestruturas precisas para dotar a área de Vigo duns servizos acordes co que esta gran cidade é e precisa. E, nesta liña, destacou que dentro de poucos meses entrará en servizo o hospital público de Vigo: un complexo sanitario de referencia estatal e europea, dotado con tecnoloxías de vangarda e con capacidade para atender a máis de 600.000 persoas desta gran área sanitaria.
Así mesmo, o titular da Xunta referiuse á licitación o vindeiro ano do desdobramento do Corredor do Morrazo e ao desbloqueo da plataforma loxística de Salvaterra-As Neves. E, nesta liña, resaltou tamén o incremento de case un 43% do orzamento do Transporte Metropolitano para estender as numerosas vantaxes deste programa ás sete cidades galegas, cos 14 concellos da área de Vigo como obxectivo prioritario.