Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame convoca unha quedada este sábado para coñecer o novo percorrido da IV Carreira Popular Pilar Barreiro Senra


 

A saída terá lugar ás 11:00 horas da praza Teodomiro Hidalgo

O Concello de Lousame convoca para este sábado 20 de outubro, ás 11:00 horas, unha quedada para coñecer sobre o terreo o novo percorrido da IV Carreira Popular Pilar Barreiro Senra, que terá lugar o domingo 4 de outubro. Un acto aberto á participación, libre e de balde, de todas as persoas que desexen coñecer o novo circuíto da proba.

O punto de encontro será a praza Teodomiro Hidalgo de Lousame o sábado 20 de outubro, ás 11:00 horas. Os participantes farán o percorrido, de 5 quilómetros de lonxitude e que recolle os camiños por onde adoitaba adestrar a madriña da proba, Pilar Barreiro Senra, acompañados polos técnicos de Deportes lousamiás Néstor Romero e Germán Romero.

Inscricións na proba

A día de hoxe xa hai 68 participantes inscritos na proba, que pechará o prazo de anotacións o vindeiro xoves 1 de novembro, ás 23:58 horas. Ata entón, as inscricións poden realizarse na páxina web www.emesports.es, sendo o seu importe de 6 € para a categoría absoluta e totalmente gratuíta para categoría de menores, que dá dereito a participar na actividade, seguros, avituallamentos, duchas e agasallos conmemorativos.

O Concello de Lousame entregará medallas a todos os participantes das categorías chupete, prebenxamín, benxamín e alevín, é dicir, rapaces e rapazas menores de 11 anos. Tamén haberá trofeos para os tres primeiros homes e mulleres da carreira absoluta, outros tres trofeos para os gañadores de cada unha das nove categorías restantes (tanto para homes como para mulleres) e trofeos especiais aos participantes máis veteranos (tanto home como muller) e aos tres mellores atletas de Lousame na categoría absoluta, cortesía de SGS Seguros. Os premios non serán acumulativos.

Todos os participantes serán agasallados cunha camiseta técnica conmemorativa da proba e o Concello de Lousame porá a disposición dos corredores/as un servizo de gardería para que os nenos e nenas estean coidados na Casa da Cultura mentres os seus pais e nais desfrutan correndo na proba. Un servizo que será totalmente de balde.