Delas, 1.563 foron remitidas a unha unidade de diagnóstico e tratamento para completar probas, que confirmaron en 225 casos un cancro de mama
O Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama (xestionado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade) explorou o pasado ano 2017, na Provincia da Coruña, a un total de 57.774 mulleres de 50 a 69 anos.
Desta cifra, que representa unha participación do 81,93 por cento da poboación diana do programa na provincia, 1.563 mulleres foron posteriormente remitidas a unha unidade de diagnóstico e tratamento para completar probas, que confirmaron en 225 casos un cancro de mama.
No que atinxe ao Concello de A Coruña, o Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama explorou en 2017 a un total de 11.362 mulleres, cifra que representa un 73,36 por cento de participación da súa poboación diana, e froito desta iniciativa preventiva colaborouse a detectar un total de 60 patoloxías malignas entre mulleres deste Concello.
Neste ano 2018 os datos a 30 de setembro son de 56.707 mulleres exploradas, das que 1.466 foron remitidas a unha unidade de diagnostico a tratamento, e xa se confirmaron ata a data sinalada, 197 casos de cancro de mama. A porcentaxe de participación provisional e de 77,12 por cen.
Modernización gradual da estrutura asistencial
O Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama, consolidou a modernización gradual da súa estrutura asistencial, cara a mellorar as taxas de participación das mulleres no Programa. Así, creáronse unidades fixas en hospitais comarcais da xeografía galega, o que permitiu avanzar no proceso de integración do programa no sistema asistencial, unha mellora da oferta dos hospitais comarcais cun novo servizo á súa poboación, a racionalización na utilización de recursos e a mellora na calidade asistencial percibida polas mulleres.
Infraestrutura do Programa na provincia
A infraestrutura asistencial do Programa na provincia da Coruña está formada polas seguintes unidades de exploración: 3 no Hospital Abente Lago da Coruña, 2 no Hospital Xil Casares de Santiago, 2 no Hospital Naval de Ferrol, 1 no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee e 1 no Hospital do Barbanza de Ribeira. Nestas 9 unidades de exploración realízanse as probas mamográficas. Tamén contan coas unidades de avaliación radiolóxica, que centralizan a lectura das mamografías e, por último, as unidades de diagnóstico e tratamento, que están integradas polas consultas de Cirurxía e/ou Xinecoloxía dos hospitais públicos da rede do SERGAS.
A lectura das mamografías está centralizada nas unidades de avaliación radiolóxica, formadas por especialistas que pertencen aos Servizos de Radioloxía dos Complexos Hospitalarios Universitarios da Coruña, Lugo e Pontevedra.
Na Xefatura Provincial de Sanidade da Coruña está a Unidade Central do Programa, onde se coordinan e xestionan as unidades de exploración de toda a comunidade
A alta calidade da avaliación radiolóxica garántese pola experiencia dos radiólogos na lectura de mamografías e porque as mamografías de cada muller son avaliadas por dous radiólogos de xeito independente, co que se asegura a máis correcta interpretación das imaxes radiolóxicas.
Os principais obxectivos do Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama buscan primordialmente a redución nun 25% da mortalidade por esta doenza nas mulleres. Así mesmo, preténdese acadar unha participación superior ao 70% das mulleres que se citan, asegurar a estrutura axeitada para o seguimento das mulleres que deron positivo na proba e continuar a elaboración e mantemento do sistema de información deste Programa.
Relevancia do diagnóstico precoz
Sanidade incide na relevancia dun diagnóstico precoz, xa que aumenta ata o 90% as posibilidades de curación, porcentaxe que sobrepasa o 95% cando o diagnóstico se realiza antes de que se faga invasivo.
A citación das mulleres na provincia de A Coruña é persoal e por Concellos, cara a garantir a periodicidade de dous anos do cribado en cada municipio. Dita citación envíase por carta de dez a quince días antes da cita, e nela, especifícase o lugar, día e hora en que se debe acudir á realización da proba mamográfica. Na mesma carta, facilítase un número de teléfono -981141414- ao que se poden dirixir ás usuarias para se informar sobre cambios de domicilio, solicitar información, ou realizar cambios de cita.
Se a proba resulta negativa, as mulleres reciben o resultado por carta personalizada, recomendándolles seguir no Programa de Cribado e convidándoas a repetir o estudo ao cabo de dous anos.
No caso de que sexa necesario realizar máis probas para chegar a un diagnóstico, infórmase á muller por carta certificada e con xustificante de recepción. Nesa misiva facilítaselles unha cita para seren atendidas nunha unidade hospitalaria de diagnóstico e tratamento e un teléfono de atención directa.