Entre os presentes estiveron a secretaria xeral de Emprego da Xunta, o alcalde de Ordes, o director xeral de Política Financieira e representantes dos axentes sociais. O programa de formación e inserción laboral do sector téxtil conta cun investimento de 1.200.000 €
Unha delegación de representantes de todos os países da Unión Europea, composta por 70 persoas integrantes do Fondo Europeo da Adaptación á Globalización visitaron Ordes para coñecer de primeira man o programa FEAG Galitex. A súa estancia en Ordes durante a tarde de hoxe arrancou no salón de plenos do Concello, onde os recibiron tanto José Luis Martínez Sanjurjo como a concelleira Susana García; ademais da directora xeral de Emprego e a subdirectora xeral de Relacións Laborais, Covadonga Toca e María Coutinho Villanueva respectivamente.
Precisamente foi o rexedor local o primeiro en abrir o turno de palabra, agredecéndolle á Xunta de Galicia “que trouxera ata Ordes este programa de formación e inserción laboral tan necesario”. Covadonga Toca salientou que “falar de emprego é falar de cooperación”, algo que queda perfectamente de manifesto neste caso no que “aunaron esforzos as persoas desempregadas que participan da iniciativa, o Concello de Ordes, empresas, axentes sociais, Xunta de Galicia e a Unión Europea”. Toca mostrouse satisfeita pola oportunidade de poder falar de “mercado laboras e mulleres nun lugar como Ordes”, así como “poder ofrecer esta oportunidade a tantas delas”.
Foi precisamente a subdirectora xeral de Relacións Laborais; María Coutinho Villanueva, quen se encargou da presentación deste programa dirixido a persoas afectadas polo desemprego no sector téxtil de Ordes e a comarca. Coutinho tamén tivo palabras de agradecemento para os representantes de UGT, CCOO e o clúster do téxtil (Cointega). A maiores tamén se realizou unha presentación do proxecto FEAG Tierras Mineras, a cal se está a desenvolver en Castela e León.
Outro dos relatores foi o director xeral de Política Financieira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó Fernández, quen aludiu ao momento económico e empresarial que se está a vivir e especialmente dos retos que se plantexan debido á globalización e a dixitalización. Cabañó destacou a formula do reforzo no que se refire ás políticas de cohesión como solución a moitos dos problemas actuais.
Máis de 30 participantes
Máis de 30 persoas de distintos perfís participan nesta iniciativa formativa e de inserción laboral, cuxa primeira fase estase a desenvolver nas aulas instaladas no primeiro andar da Praza de Abastos. A dita iniciativa, proposta pola Xunta de Galicia e aprobada pola Comisión Europea en prol da empregabilidade conta cun investimento de 1.200.000 € cofinanciados pola Comisión Europea a través do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (60%) e a Xunta de Galicia (40%).
O seu principal obxectivo é o de axudar aos traballadores e traballadoras a atopar novos empregos, xa sexan no mesmo sector ou en novas industrias con potencial de desenvolvemento. As medidas propostas van encamiñadas a brindar asistencia profesional e personalizada neste sentido, mellorar ou reciclarse profesionalmente, promover o espírito empresarial, así como incentivar a conciliación laboral e familiar.
As actuacións, de diversa índole, que se levarán a cabo divídense en seis programas distintos. O primeiro é o de acollida e diagnóstico inicial de cada caso. Seguiranlle as medidas de sensibilización, que entre outras iniciativas inclúen obradoiros de xestión de cambio, obtención de certificados profesionais, retorno ás aulas de emprendemento etc. O terceiro punto é o programa de prospección laboral en empresas e de novas oportunidades de negocio a través da intermediación laboral. Xa a última fase consiste no seguimento personalizado e peche da estratexia levada a cabo en cada caso.
Novo plan
Este plan de creación de recursos de inserción está dirixido a mulleres e homes afectados polos expedientes de regulación de emprego comprendidos entre o 30 de xullo de 2016 e o 30 de abril de 2017 de distintas empresas do téxtil como Caramelo, Confeccións Deus, Deus Creaciones, Viriato e Shivshi.