Unanimidade na aprobación do convenio entre os Concellos de Ames e Brión para regular a porcentaxe de participación nos custes de xestión da ETAP
O pleno municipal de Brión aprobou esta mañá por unanimidade unha moción presentada polo Grupo de Goberno para instar á Xunta de Galicia a construír unha senda peonil dun quilómetro de lonxitude, entre as localidades de Pérros e San Salvador de Bastavales. “A Policía Local acaba de entregarnos un informe no que din que é o punto máis perigoso que existe no concello, pois é un tramo polo que circula un gran número de vehículos pesados e onde non hai nin beiravías nin alumeado”, explicou o alcalde brionés, José Luís García.
Unha situación que non é descoñecida pola Xunta de Galicia pois “é unha realidade que xa lle trasladamos en varias ocasións tanto á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, como ao delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, co gallo das obras da senda peonil entre Gándara e Gundín”, lembrou García. O alcalde brionés insiste en que “estamos falando dunha zona perigosa e preocupante, entre os puntos quilométricos 1,5 e 2,5 da AC-300 Os Ánxeles-A Picaraña. Por iso xa mantivemos contactos coa veciñanza e podemos dicir que están dispostos a ceder o terreo que faga falla para que se faga algo alí, unha senda, unha beirarrúa ou o que sexa”.
A moción foi aprobada por unanimidade dos grupos presentes: PSOE, PP e concelleiro non adscrito. O voceiro do Partido Popular, David García Arcos, apoiou a proposta pois “co informe da Policía Local queda máis que xustificado a necesidade da actuación”. Un informe que será trasladado canda a decisión plenaria á Xunta de Galicia.
Convenio
A unanimidade mantívose durante toda a sesión, na que se aprobou o convenio de colaboración entre os Concellos de Ames e Brión para regular a porcentaxe de participación nos custes da xestión da ETAP Ames-Brión, aprobada tamén por unanimidade polo pleno amiense o pasado mes de setembro. Este convenio establece tres períodos diferentes para determinar a participación de cada municipio.
Así, os máis de 61.000 euros en gastos de vixilancia e instalación de contadores producidos entre a entrega das instalacións por parte da Xunta de Galicia e a súa posta en marcha (marzo/agosto de 2016) serán asumidos nun 33% polo Concello de Brión e nun 67% polo Concello de Ames. No segundo período, setembro de 2016 a xuño de 2017 (coa anterior concesionaria de Ames) os custos foron sumidos de acordo co consumido por cada municipio. No terceiro período (a partir de xullo de 2017), a nova concesionaria cobra polo consumo de cada municipio a un prezo de 0,2628 euros/m3.
O alcalde de Brión lembrou que este proxecto garante o abastecemento no municipio, pois a potabilizadora ten capacidade para tratar 175 litros/segundo e os traballos acometidos permitiron a construción dun depósito de auga tratada de 7.300 m3, un depósito de cabeceira de 10.000 m3 en Castiñeiro do Lobo e as tubaxes de condución por gravidade entre este depósito e os existentes en Brión. García lembrou que “nos últimos dous anos tivemos problemas de seca nas parroquias da parte alta e tivemos que levar cisternas. Agora xa temos en marcha as obras para conectar esta zona coa parte baixa, polo que teremos garantido o abastecemento de auga en todo o municipio”.
Finalmente, o pleno tamén aprobou por unanimidade as modificacións das ordenanzas fiscais reguladoras da taxa polo subministro de auga (que se actualiza de acordo co IPC interanual de agosto de 2017 a agosto de 2018: 2,20%) e recollida de lixo (2%).