Saturday 16 de November de 2024

Noia converterase esta fin de semana no referente nacional no mundo da criminalística


 

O I Congreso Internacional de Criminalística Aplicada reunirá a máis de 300 persoas e distinguirá a 25 persoas e entidades coas Medallas ao Mérito Profesional e Académico

O I Congreso Internacional de Criminalística Aplicada “converterá a Noia no referente nacional no mundo da criminalística”, segundo explica Luís Alamancos Pampín, director do Centro de formación do Instituto Internacional de Criminalística Aplicada (INICA). O responsable da entidade organizadora apunta que “agardamos a asistencia de máis de trescentas persoas de toda España, atraídos polo gran nivel dos poñentes que van participar, ademais dos veciños e veciñas que se queiran achegar polo Liceo, pois as charlas son abertas ao público”.

O congreso, que terá lugar en Noia do 19 ao 21 de outubro, está organizado por INICA, en colaboración co Concello de Noia, a Asociación Galega de Peritos Caligráficos e a Sociedade Liceo de Noia. Un evento que comezará co acto de entrega de Medallas ao Mérito Profesional e Académico, que terá lugar no Coliseo Noela o venres 19 de outubro, ás 20:00 horas. Durante o acto serán premiados/as un total de 25 personalidades e entidades, entre os que figuran os dez poñentes no congreso:

• Coronel Pedro Baños Bajo. Ex xefe de Contraintelixencia do Exército Europeo, especialista en terrorismo xihadista, e colaborador do programa Espejo Público.
• Alfredo Conde Cid. Escritor e Doutor Honoris Causa en Letras pola Universidade Trobe de Melbourne (Australia), galardoado co Premio Nacional de Literatura e autor de numerosas obras literarias e divulgativas.
• María del Mar Robledo Acinas. Doutora en Medicina Legal e Forense pola Universidade Complutense de Madrid e antropóloga forense (coñecida pola autopsia realizada ao asasinado Juan Prim).
• Pablo Villarrubia Mauso. Doutor en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, especialista en Xornalismo Arqueolóxico, escritor e colaborador do programa de televisión Cuarto Milenio.
• Ioannins Koutsourais. Especialista en Criminalística Forense, en organizacións criminais transnacionais e en tráfico ilegal en obras de arte.
• Ana Mª Bermejo Barrera. Doutora en Medicina e Cirurxía pola USC, especialista en Medicina do Traballo, e catedrática de Toxicoloxía na Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
• Manuel López-Rivadulla Lamas. catedrático de Toxicoloxía e investigador na USC. Desenvolve o seu labor pericial no Servizo de Toxicoloxía do Instituto Universitario de Ciencias Forenses Luis Concheiro Labor Investigadora e Pericial.
• Ulises Bértolo García. Avogado penalista e escritor.
• José Ignacio Santaló Junquera. Avogado, Máster en Dereitos Humanos e especialista en Dereito Penal.
• Montserrat Llor Serra. Xornalista e escritora especialista en crimes de guerra nazis.

Completan a lista de premiados:
• A Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASPOH), entidade sen ánimo de lucro radicada en Lousame e que nace para dar a coñecer esta enfermidade ultrarrara
• Íker Jiménez e Carmen Porter, do programa de televisión Cuarto Milenio
• Eduardo Martínez Viqueira, tenente coronel da Garda Civil, historiador e escritor
• Diego Calvo, vicepresidente do Parlamento de Galicia
• Nava Castro, directora de Turismo de Galicia
• Francisco Vázquez, ex embaixador de España no Vaticano e ex alcalde da Coruña
• Luís Mariano Robles Velasco, profesor da Universidade de Granada, xurista de recoñecido prestixio e vicepresidente do Club da Constitución
• Héctor Castro, presidente do Ilustre Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña
• Bebel Sánchez, decana saínte da Facultade de Farmacia da USC e profesora do Departamento de Química-Física
• Francisco Otero Espinar, profesor titular de Farmacia e Tecnoloxía no Grado en Farmacia e Master I+D de Medicamentos da USC
• Ramón Río Iglesias, tenente coronel xefe do Escuadrón de Vixilancia Aérea Número 10 (EVA-10)
• José Manuel Leis, capitán da Garda Civil de Noia
• Carla Reyes, presidenta de Executivas de Galicia
• Carlos Carballo, profesor da USC e subdirector de Medios na CRTVG

As ponencias terán lugar no Liceo de Noia o sábado 20 de outubro, de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, e o domingo 21 de outubro, de 9:00 a 14:00 horas. A entrada será libre e de balde, ata completar aforo. “Trouxemos aos mellores na súa materia e serán unhas exposicións moi didácticas, orientadas a todo tipo de público”, explica Luís Alamancos, quen salienta “o gran interese que hai a nivel xeral por todo o relacionado coa criminoloxía, quizais influenciados polo efecto CSI e o tirón que están a ter este tipo de series e programas de televisión”.

De feito, adianta que “para a próxima edición queremos medrar e tratar temas como os delitos económicos ou entrar máis na parte da investigación, para o que contaremos coa colaboración do Colexio de Detectives Privados”. “Pensamos que Noia pode converterse no referente nacional da criminoloxía e isto suporá un forte impulso para a vila, non só polos poñentes e polas persoas que se desprazarán ao congreso e que pernoctarán e consumirán na vila, senón tamén pola proxección que lle dará á nosa vila”.